SOS Sanidade Pública presentou en Mofnero a Iniciativa Lexislativa Popular sobre a Atención Primaria
A plataforma SOS Sanidade Pública presentou esta mañá en Monfero, a Iniciativa Lexislativa Popular para levar o Parlamento de Galiza a situación na que se atopa a Atención Primaria e a exixencia de que se adopten medidas inmediatas para salvala.
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Iria Carreira, médico de atención primaria, denunciou que a consellaría de Sanidade leva anos recortando a Atención Primaria e a Sanidade Pública no seu conxunto, para reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer ao privado.
Carreira destacou que “o persoal reduciuse a menos da metade en moitos centros de saúde e PAC limitando o acceso á asistencia sanitaria e creando listas de espera inaceptables”, a mesmo tempo que “padece unhas condicións laborais inestables e precarias incompatibles cunha atención de calidade”.
Fortalecer a Atención Primaria
A deputada do BNG salientou que a ILP céntrase na demanda de incrementar e dimensionar o persoal, priorizar a atención presencial, reabrir os centros e PAC pechados, dar participación á poboación e o persoal na planificación e xestión dos centros ou acabar coa precariedade laboral.
Finalizou facendo unha valoración moi positiva do proceso de socialización da iniciativa e da recollida de sinaturas, que está a servir para reforzar a conciencia e o coñecimento do fundamental que é a atención primaria para o correcto funcionamento de todo o sistema de saúde.