MON FERNÁNDEZ: “O IMPERIALISMO É A CAUSA DA MISERIA DOS POVOS. O NACIONALISMO E O RESPECTO POLA SOBERANÍA SON BASE DUN MUNDO EN PAZ E DO DEREITO DOS POVOS A CONSTRUIR O SEU FUTURO E O SEU PROGRESO”
O BNG lanza unha campaña a favor da paz, da soberanía, dos dereitos e contra o gasto militar
Ferrol 24 de abril de 2026. Esta mañá o BNG de Ferrolterra presentou a campaña “Na Galiza. Paz, soberanía e dereitos”. Unha campaña para dar resposta a situación actual do contexto internacional marcado por unha grave escalada belicista alimentada polos Estados Unidos da América cunha Unión Europea sumisa aos intereses do imperialismo..
Pilar Lozano, responsábel comarcal, reafirmou o compromiso do BNG, como organización nacionalista, antiimperialista e anticolonialista, coa paz, a solidaridade internacional e o dereito dos pobos a vivir libres de inxerencias externas. “Galiza non pode ser cómplice de guerras imperialistas nin das estratexias militares do Estado español.”
Lozano lembrou que o Goberno Español escolle a cidade de Vigo para acoller os actos centrais do día das forzas armadas que culminarán cun desfile militar presidido polo rei o día 30 de maio. Dende o BNG opoñemonos a este desfile e facemos un chamamento a participación na manifestación nacional convocada ese día pola Plataforma Galiza Pola Paz para rexeitar a presenza militar no noso país.
Pilar Lozano salientou que no BNG defendemos unha política exterior orientada á paz, a desescalada dos conflictos e a seguridade humana. Así mesmo mantemos firme a nosa posición histórica: o Estado español debe abandonar estruturas militaristas que supóñen unha ameaza para a paz, como a OTAN, e destinar os recursos públicos a garantir dereitos sociais, igualdade e benestar. E censurou o aumento da presencia militar en actos civís, educativos e institucionais, como un intento ideolóxico e simbólico de mellorar a percepción social do corpo militar español en a inoculación de máis españolismo. E lembrou que a Xunta de Galiza do PP promove o adoutrinamento de crianzas e de mocidade organizando visitas escolares a centros militares con exibición e manipulación de armamento.
Mon Fernández, Deputado do BNG, insicou que no BNG estamos plenamente comprometidos cunha Galiza con dereitos, cun ensino público igualitario e integrador, cunha sanidade pública sen listas de espera que expulsa doentes cara a privada, cunha política social que garanta redes públicas de coidados para as persoas maiores e dependentes, unha Galiza que xestione a súa riqueza e os seus recursos con soberanía e a favor de todos os galegos e galegas. En definitiva, unha Galiza con dereitos, unha Galiza pacífica nun mundo en paz. Este é o proxecto e o compromiso do BNG fronte a un Partido Popular abertamente a favor das guerras e das agresións imperialistas, totalmente sometido e subordinado aos ditados ultras de Vox e de Ayuso.
Fernández dixo que máis aló das subas dos prezos que baleiran os petos da clase traballadora debemos reflexionar sobre o tipo de mundo e o tipo de sociedade en a que queremos vivir. “Queremos unha sociedade que non sexa cobarde diante dos abusóns, unha sociedade que non tolere as agresións, unha sociedade que non asuma que o forte e poderoso pode facer o que lle pete, que non consinta que unha lóxica supremacista goberne o mundo. Nos dicimos claramente que non imos calar diante dos abusos, das agresións e da imposición do dereito do máis forte.
Fernandez defendeu que o nacionalismo e o respecto pola soberanía son a base dun mundo en paz e do dereito dos pobos a construir o seu futuro e o seu progreso. No BNG estamos completamente comprometidos con ese mundo mellor, cunha Galiza pacífica nun mundo en paz, porque non hai compartimentos estancos e non haberá unha sen o outro.
Non quixo esquecerse, tampouco, do Partido Socialista que enarbola un non á guerra máis cosmético que real. E todo mundo sabe que a cosmética pode disimular as agresións, pero non evitalas. Por isto no BNG, hoxe, 24 de abril, un día antes do aniversario da revolución portuguesa, non queremos celebrar o gasto militar en detrimento dos dereitos sociais básicos, nin vamos asumir unha permanencia na OTAN alimentada con contos de medo porque veñen os rusos. Unha OTAN que non é máis que un instrumento ao servizo do imperialismo.
Queremos unha Galiza pacífica nun mundo en paz, unha Galiza con dereitos, por iso invitou a participar na manifestación que vai decorrer en Vigo o día 30, coincidindo con esa exhibición de militarismo que se vai realizar ali. Actos de exaltación como este non teñen sentido nun país que quere educar na paz, non son valores nin a cultura que queremos promover.