MON FERNÁNDEZ PIDE UN ESTUDO EXHAUSTIVO DA SITUACIÓN PRODUTIVA DA RÍA, MEDIDAS ECONÓMICAS E A DRAGAXE DA BARRA DE AREA QUE PECHA A RÍA
O BNG urxe á Xunta a asumir a súa obriga de rexenerar a ría de Ortigueira porque non é tolerable dar por perdida a produción
Afirma que tres mulleres sosteñen o pouco que queda sen axuda algunha da Xunta e que a única mensaxe que reciben é que marchen para a casa
Santiago de Compostela, 26 de maio 2026. O deputado do BNG Mon Fernández esixiulle á Xunta de Rueda que asuma “dunha vez” as súas competencias e as súas responsabilidades para reverter a falta de produtividade na ría de Ortigueira e nomeadamente dos bancos explotados pola confraría de Cariño e zonas libres de marisqueo, a comezar por un estudo que determinen as causas da mortaldade do marisco e que sirvan para orientar os traballos para a súa recuperación. Tamén pediu medidas económicas mentres dure esta situación así como a dragaxe da barra de area que pecha a ría e que tamén afecta á produtividade.
“É unha obriga e non pode demorarse, que asuma que neste País non é tolerábel unha aposición política que implique dar por perdida a produción marisqueira de ningunha das nosas rías”, afirmou, engadindo que “non é de recibo” que o Goberno galego permaneza “impasíbel, como simples espectadora dun final dramático para a ría de Ortigueira. Malia os argumentos do deputado da Comarca, o PP votou en contra.
Na súa exposición na Comisión de Pesca do Parlamento, Fernández criticou o “completo abandono” do sector desde hai cinco anos, indicando que só quedan 3 das 17 persoas que había na confraría de Cariño e que seguen a realizar todos os días traballos para recuperar a produción sen ingresos ningúns e sen percibir tampouco axuda ningunha por parte da Administración. “A única resposta que reciben por parte da Xunta é que marchen para a casa, que deixen o sector e que cambien de actividade”, subliñou.
Na súa quenda de réplica, recriminoulle ao deputado do PP que a única proposta que ten para estas mulleres é unha emenda para pedirlle ao Estado que se exima de pagar o seguro que segundo Fernández implica que a Xunta non ten pensado darlle ningún tipo de axuda directa, tal e como pedía a iniciativa do BNG. “A proposta do PP para a Rḯa de Ortigueira é que veñan outros e que polo menos que poidan seguir traballando sen pagar o seguro e sen cobrar nada”, afeou. Emenda que non foi aceptada polo Bloque.
Con respecto á outra petición do Bloque, a de dragar a barra de area que pecha a ría que reduce o intercambio mareal dificultando a rexeneración dos bancos marisqueiros, Fernández recordoulle que entre Punta do Frade e a illa de San Vicente, onde se encontra a barra de area, son augas interiores e por tanto, é competencia exclusiva da Xunta de Galiza facer eses labores de dragaxe.
Á resposta do PP de argumentar que que hai ondas tremendas nesa zona e que o mar é moi forte e que é inevitable que se desfagan, o deputado nacionalista replicoulle que “tamén se move a praia de Riazor e faise o necesario para que estea todos os anos en perfecto estado de revista”, ao igual que se vai dragar o porto de Espasante ou de Cariño porque é necesario para que pasen os barcos. “ Tamén é necesario dragar esa barra de area porque está afectando á produción marisqueira no fondo da ría”, incidiu.
“Vaia futuro lles espera ás traballadoras do sector e da ría”, expresou tralas excusas do PP, porque, engadiu, “non é cuestión das tres traballadoras que hoxe en día seguen alí. É cuestión do futuro da potencialidade deste sector e que vostedes están deixando morrer”, rematou.