O DEPUTADO MON FERNÁNDEZ DENUNCIA MÁIS DE 100 SUSPENSIÓNS DO SERVIZO NOS 3 PRIMEIROS MESES DO ANO

O BNG denuncia o estado do servizo de ferrocarril Ferrol-Ortigueira

Mon Fernández
Mon Fernández
O BNG denuncia o estado do servizo de ferrocarril Ferrol-Ortigueira

O pasado 21 de abril unha nova incidencia de carácter grave paralizou a liña de ferrocarril entre Ferrol e Ortigueira. Nesta ocasión un incendio nunha unidade a altura do concello de Cerdido.

Afortunadamente todas as persoas puideron saír polo seu pé e non houbo que lamentar danos persoais.

Esta nova incidencia ocupou lugares destacados na prensa comarcal por ser aparatosa, porque podía ter causado danos persoais e pola reiteración deste tipo de episodios, moitos dos cales, menos graves, non transcenden socialmente.

Segundo as fontes consultadas polo BNG, durante os 3 primeiros meses do ano levamos contabilizadas máis de 100 supresións dos servizos na liña Ferrol-Ribadeo por diferentes causas, practicamente todas relacionadas coa mala provisión de unidades ou polo mal estado das existentes.

Así que por avarías durante as viaxes ou por carecer de unidades para relevar ás que están en reparación, as supresións de servizos son tan habituais que as persoas usuarias nunca saben se poderán chegar ao seu destino, se quedarán de camiño, ou mesmo se terán que ser rescatadas polos bombeiros, “parécese máis a unha atracción de turismo de aventuras en ferrocarril que a un servizo de transporte do S.XXI”, denuncia o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández.

Desde o BNG afean tamén as dúas caras do Partido Popular e do PSOE sobre unha cuestión que sobre o territorio e de cara á galería conta co apoio de todas as forzas políticas, mais que cando chega o momento de tomar decisións e realizar consignacións orzamentarias, os partidos que veñen sucedéndose no goberno de España sempre a deixan quedar para mellor ocasión.

A consecuencia directa desta falta de actuacións e do illamento do Ortegal é unha grave crise socio-económica e demográfica.

O deputado nacionalista salienta que “a diferencia da Xunta de Galiza outros gobernos autonómicos demandaron e conseguiron a transferencia das competencias e dos activos da antiga FEVE nos seus territorios, constituíndo entes ferroviarios propios (Euskotren, FGC, FGV, SFM) con grandes resultados en todos os casos, a comezar por un significativo aumento de persoas usuarias”.

Con este obxectivo anuncia a presentación dunha batería de iniciativas políticas no Parlamento Galego para exixir á Xunta a constitución dun Ente ferroviario galego de proximidade, así como a promoción activa da reclamación ao Goberno do estado da transferencia das competencias sobre a liña Ferrol-Ribadeo, así como as infraestruturas e a maquinaria necesarias previa realización das melloras e da modernización da liña.

O BNG denuncia o estado do servizo de ferrocarril Ferrol-Ortigueira