SANEAMENTO, BELELLE E CENTRO DE DÍA NAS EMENDAS DO BNG AOS ORZAMENTOS DA XUNTA
Neda podería ser a envexa de todos os concellos da ría de Ferrol
As emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta atenden os principais problemas do Concello en sentido propositivo, é dicir, con propostas e alternativas claras.
Os concelleiros do BNG en Neda, Cristina Bouza e Rubén Ríos, xunto co deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, salientan que as emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta atenden os principais problemas do Concello en sentido propositivo, é dicir, con propostas e alternativas claras.
A portavoz nacionalista, Cristina Bouza, queixouse de que “tristemente somos noticia polos vertidos á ría e polas inundacións, e iso é responsabilidade directa do Partido Popular”, e manifestaba que de atenderse as propostas do BNG sobre saneamento e para a catalogación do Belelle como LIC e a súa inclusión na REDE NATURA 2000 sería todo o contrario, “seriamos a envexa de todos os concellos da volta polo noso patrimonio natural, río e ribeira.”
Desde o BNG lembran que foron gobernos do Partido Popular, tanto no Concello como na Xunta e no estado, os que deixaron Neda fora dos sistemas de saneamento da ría, do mesmo xeito que tamén foi a Xunta do PP a que paralizou no seu día a ampliación da REDE NATURA 2000 na que se incluía a incorporación do Belelle.
Estas son dúas das emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta actualmente en tramitación no Parlamento, resolver o problema do saneamento e a conservación do río Belelle e do seu entorno.
Así mesmo, desde o BNG non esquecen a necesidade resolver outro problema que parece atascado entre Xunta e Concello desde hai anos, a construción dun Centro de día, e nese sentido presentaron tamén a correspondente emenda aos orzamentos para que figure unha partida económica con este fin.
Outras emendas presentadas teñen a ver coa recuperación do centro histórico, ou a reparación dos centros de ensino, que igual que todos os da comarca están moi deteriorados.
Por último desde o BNG non queren deixar de amosar a súa mellor disposición para coas persoas afectadas polas inundacións, destacando que xa está presentada unha iniciativa instando á Xunta para que organice unha liña de axudas urxente, ao mesmo tempo que denuncian a falta de empatía por parte do Concello, da que como administración máis próxima aos veciños e veciñas cabería agardar un maior grao de implicación.