Unha representación do BNG comarcal entrega escrito solicitando da Xunta solucións urxentes á problemática do transporte na comarca
Unha delegación do BNG –composta por portavoces municipais, á fronte da que estaba o alcalde de San Sadurniño, Secundino García- fixo entrega hoxe na delegación da Xunta en Ferrol dun escrito dirixido á Conselleira de Infraestruturas e ao propio Presidente da Xunta; na que os nacionalistas demandan solucións urxentes á problemática do transporte na comarca.
A continuación reprodúcese l texto entregado.
Desde o BNG sempre acreditamos que o transporte colectivo de carácter público –baseado sempre no seu carácter inclusivo para todas as persoas usuarias- é un elemento fundamental á hora de vertebrar o noso país, cumprindo tamén un labor social á hora de democratizar o acceso ao transporte e garantir que áreas con complicacións engadidas na súa comunicación, poidan tela. Alén de este valor, o transporte público é de vital importancia á hora de facer máis sustentábel o desprazamento de persoas por estrada, polo que un bo servizo público de transporte axudará a reducir o número de vehículos persoais nas estradas e polo tanto as súas emisións, así como de accidentes ou colapsos e ruídos nos espazos urbanos.
Ao fío da instauración do último plan de transporte de Galiza, son milleiros as queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores ante este novo modelo no deseño das licitacións públicas e da súa execución ou posta en práctica. Este novo plan de transporte está a deixar na nosa comarca unha situación realmente caótica; con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, cuestión que repercute negativamente na vida diaria da veciñanza. Este último plan de transporte de Galiza deixa fóra moita da poboación da comarca que este plan de transporte non ten nin en consideración, dituación agravada pola falta de oferta de alternativa de transporte por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia.
Unha situación que deriva dos evidentes incumprimentos por parte da adxudicataria MONBUS, mais tamén da complicidade da Xunta; como responsábel da adxudicación do servizo e garante das clausulas que se explicitan nos mesmos. E cómpre lembrar que, para o desenvolvemento do transporte metropolitano na nosa comarca, asinouse un convenio hai máis de dous anos –que deriva nunha importante aportación económica por parte dos concellos- no que se expresa coma un dos obxectivos fundamentais “…proceder á execución dunha serie de actuacions conxuntas que permitan o mellor desenvolvemento do transporte metropolitano nobseu ámbito, como medidas de fomento de mobilidade sostible…”.
Nada máis lonxe da realidade… Lonxe do cumprimento dos obxectivos fixados no convenio resulta totalmente caótica: incumprimento de horarios e itinerarios insuficiencia e malas condicións dos medios utilizados, carencias de persoal , etc….Unha situación que levamos aturando desde hai tempo, e dun xeito indecente desque a Xunta procedeu á nova adxudicación ao monopolio que representa a empresa MONBÚS; e que está a ser denunciada desde diversos colectivos e institucións, sen que se producise mellora algunha das deficiencias comentadas.
Con este panorama, resulta evidente que os obxectivos que se concretan no convenio asinado vai para dous anos –no que os concellos achegan en cada anualidade 2021-2024 máis de 350.000 euros- están a incumprirse por parte da Xunta, que é realmente a que tén que velar porque a/s empresa/s adxudicataria/s cumpran os seus contratos que, entendemos, deberían responder ao contido do convenio asinado cos concellos.
Este último plan de transporte de Galiza, ademais deixa fóra moita da poboación da comarca, á que o plan e os seus responsables non teñen nin en consideración, situación agravada pola falta de oferta de alternativa de transporte por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galiza. Neste contexto, e atendendo á defensa dos intereses das persoas usuarias e tamén á transparencia e obxectividade no referente ao destino dos fondos municipais que os concellos están a dirixir ao comprimento do convenio, e tendo presente a realidade dos concellos rurais, así como a lexislación competencial e o actual sistema de finaciamento municipal, a nosa organización levou aos plenos dos concellos da nosa comarca a proposta de adopción dos seguintes
ACORDOS
Primeiro. O Pleno do Concello, á vista dos problemas que está a padecer o servizo de transporte público de viaxeiros a nosa comarca que afecta directamente ao conxunto dos nosos veciños e veciñas, aacorda demandar da Xunta unha urxente solución á citada problemática; concretada especialmente no reforzo e adaptación de servizos en horas que demandan os colectivos de usuarias, co fundamental obxectivo de atender definitiva e acaídamente as necesidades de mobilidade da poboación da comarca, noemadamente as derivadas de razóns laborais, académicas, asistenciais, etc.
Segundo. Do mesmo xeito, demandamos a curto prazo a revisión do presente contrato así como a revisión dos convenios dos concellos no transporte metropolitano asinado coa Xunta e provocados pola delegación do Concello de Ferrol”
Cómpre suliñar aquí que estas propostas de acordos foron ratificados polos plenos municipais dos concellos da nosa comarca, cos seguintes resultados:
-ARES, CABANAS, CARIÑO, MUGARDOS,NARÓN, NEDA, VALDOVIÑO: aprobada por unanimidade.
- CEDEIRA, FENE, MOECHE, ORTIGUEIRA, PONTEDEUME, SAN SADURNIÑO: aprobada por maioría
-FERROL: rexeitada, polo voto en contra do PP
Como conclusión e, ao fío da vontade expresada maioritariamente polos plenos das corporacións locais da comarca -que representan tamén a unha parte moi ampla da sociedade comarcal- demandamos que, con carácter de urxencia, por parte da Xunta se poñan en marcha as medidas para resolver acaidamente as demandas expresadas nos acordos plenarios anteriormente referidos; co fin de dotar á nosa comarca dun sistema de transporte público , de calidade, para atender acaidamente as necesidades de mobilidade da veciñanza.