NÉSTOR REGO EXEMPLIFICA NO ACORDO DE INVESTIDURA CONSEGUIDO POLO BNG E NAS MEDIDAS PRESENTADAS AO GOBERNO PARA FACER FRENTE ÁS CONSECUENCIAS DA GUERRA O TRABALLO REALIZADO POLA ORGANIZACIÓN NACIONALISTA
Rego sinala “os deberes feitos do BNG” impulsando a Axenda Galega no Estado e defendendo medidas para protexer as maiorías sociais
Madrid, 20 de marzo de 2026. O Bloque Nacionalista Galego celebra en Pontedeume un acto público para trasladar á veciñanza o traballo realizado nas Cortes do Estado e os avances conseguidos pola frente nacionalista en beneficio da sociedade galega. No encontro participa o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o voceiro municipal do BNG, Aarón Curbeira e a concelleira Rocío Pena.
“Ningún deputado ou deputada doutra formación política puxo sobre a mesa a Axenda Galega para condicionar o seu voto en calquera das investiduras que houbo. Só o BNG” recorda o deputado. Alén dos acordos de investidura conseguidos pola organización nacionalista, Néstor Rego destaca o papel da organización nacionalista á hora de conseguir impulso a políticas de esquerda e verdadeiramente transformadoras.
“As bonificacións nas autoestradas da AP-9 e a AP-53, a implantación de xulgados de violencia de xénero, o aumento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, o aumento das semanas dos permisos monomarentais, a quita dun terzo da débeda da Galiza, actuacións en infraestruturas estratéxicas para o noso País son algúns exemplos do que o BNG foi capaz de conseguir cun deputado e unha senadora” exemplifica Rego.
“Somos unha forza eficaz á hora de defender os intereses da Galiza e unha forza útil para conter a dereita e a ultradereita” evidencia Néstor Rego.
Os deberes feitos para facer frente ás consecuencias da guerra
Así mesmo, o deputado do BNG lembra que a organización nacionalista entregou ao Goberno do Estado un paquete de medidas a aprobar co obxectivo de frear as consecuencias que está a provocar a guerra. Baixo o nome “Protexer Galiza e as maiorías sociais ante as consecuencias da guerra”, Néstor Rego sinala a necesidade de que o Goberno actúe para protexer a sociedade galega, as clases populares e os sectores económicos da Galiza frente a esta nova crise.
Un BNG con máis forza para defender máis a Galiza
Finalmente, tanto o voceiro municipal como a concelleira do BNG en Pontedeume destacan a necesidade de que o BNG conte con máis representación nas Cortes do Estado. “Se cun deputado e cunha senadora somos capaces de conseguir todo isto, que non seríamos capaces de conseguir con máis representación nas Cortes do Estado para poder condicionar máis aínda as políticas que leva a cabo o Goberno e poder mellorar aínda máis a calidade de vida das maiorías sociais e de todos os galegos e galegas” reflexionan durante o encontro coa veciñanza.