O PP veta unha votación no Parlamento Galego sobre a cesión das instalacións de Navantia Fene á empresa privada Windar

Mon Fernández, deputado no Parlamento Galego
Mon Fernández, deputado no Parlamento Galego

De novo queda en evidencia a contradición entre os discursos e os feitos. O PP critica ao PSOE pero protexe á empresa Windar e os plans da dirección de Navantia.

O PP veta unha votación no Parlamento Galego sobre a cesión das instalacións de Navantia Fene á empresa privada Windar

O Partido Popular provocou un tenso debate no Parlamento a colación dunha súa proposta para reclamar a construción dun BAN en NAVANTIA RÍA DE FERROL. Unha proposta xa presentada e aprobada anteriormente cos votos a favor do BNG.

Nesta ocasión o BNG aproveitou para, a través dunha emenda de adición, engadir unha proposta de resolución do Pleno do Parlamento Galego en contra da cesión das instalacións de Navantia Fene á empresa privada Windar. O PP rexeitouna evitando a súa votación.

Unha cesión que se vai materializar a través dun novo contrato entre a UTE NAVANTIA-WINDAR con IBERDROLA para construír MONOPILES, mais na que a participación de Navantia na UTE pasa dun 70% a un 8%.

Lembramos que estes MONOPILES son soportes de gran tamaño e de forma cilíndrica. Unhas estruturas moi simples e sen valor engadido, que ademais permiten robotizar certos traballos de soldadura, polo que o volume de emprego que xera é moi reducido.

Sabemos que o Partido Popular comparte co PSOE que NAVANTIA FERROL debe ser un estaleiro exclusivamente militar, e sabemos que Windar é unha empresa amiga do Partido Popular, pero este plan en concreto, de renunciar á eólica mariña flotante, é totalmente contraditorio cos discursos de facer das enerxías renovábeis o motor industrial da recuperación económica, porque este plan supón de facto tirar pola borda calquer posición de vantaxe que actualmente puidera ter Galiza neste sector.

Este veto do PP a votar a resolución proposta pola BNG, significa ademais de defender unha empresa amiga por riba dos intereses da comarca, aliñarse totalmente coas restricións que din non compartir, malia ser evidente que mentres existan restricións produtivas na ría de Ferrol existirán as caídas de carga de traballo, existirán os desequilibrios financeiros, e existirá o risco de desaparición do sector na ría de Ferrol, por peche, por absorción, ou por integración en algún proxecto transnacional.

Insistimos no chamamento que vimos facendo sempre que temos ocasión para que PP e PSOE abandonen dunha vez esas lealdades para con un modelo de empresa absolutamente suicida, esas lealdades para con aqueles acordos da reconversión xa superados. Estamos en outra pantalla. Precisamos sectores industriais potentes con capacidade de arrastre da economía, e o sector naval é un dos máis cualificados para xogar ese papel.

O PP veta unha votación no Parlamento Galego sobre a cesión das instalacións de Navantia Fene á empresa privada Windar