PP E PSOE REXEITAN NO PARLAMENTO GALEGO TOMAR MEDIDAS CONTRA DOS EPISODIOS DE CONTAMINACIÓN DE SOGARISA

sogarisa neboeiro inertización 2
sogarisa neboeiro inertización 2
BNG PRESENTOU UNHA PROPOSTA SOLICITANDO QUE O PARLAMENTO ESIXISE A SOGARISA MEDIDAS PARA IMPEDIR OS FEITOS.
PP E PSOE REXEITAN NO PARLAMENTO GALEGO TOMAR MEDIDAS CONTRA DOS EPISODIOS DE CONTAMINACIÓN DE SOGARISA

Os votos en contra do PP e PSOE impediron hoxe na Comisión de Industria do Parlamento Galego a aprobación dunha proposta do BNG a respecto dos episodios de contaminación de SOGARISA -situada no concello de As Somozas- que recollía na súa parte dispositiva o seguinte acordo:

“O Parlamento de Galiza insta a Xunta a esixir da empresa SOGARISA as medidas necesarias para impedir que os feitos denunciados podan repetirse de novo, así como que repare e indemnice todos os danos causados.”

Na intervención do deputado “Mon” Fernández, autor da iniciativa, explicou “que a operativa habitual da empresa provoca contaminación, é dicir, un dos seus procedimentos de traballo ordinarios, concretamente a inertización dos residuos, insisto: residuos perigosos, que se realiza nesa planta, consiste basicamente en introducilos nunha foxa e botarlles cal”, engadindo que  “esta inertización, provoca un neboeiro tremendo composto por cal e cinzas deses residuos industriais perigosos, que dependendo da dirección do vento van dar ás instalacións dunha empresa veciña, Xiloga, afectando ao persoal que alí traballa, ou vai dar a diferentes lugares como explotacións gandeiras, vivendas particulares, ou parcelas dedicadas á obtención de forraxe para gando”

Sobre o foco de contaminación, ou a súa orixe, non hai dúbida ningunha: “os neboeiros saíndo das instalacións de SOGARISA non é que sexan perfeitamente visíbeis, é que son escandalosos, e o feito de se producir dun xeito reiterado desde hai anos, fai que haxa episodios de todo tipo, por exemplo o deste mesmo veciño, que o ano pasado foi directamente atravesado polo neboeiro mentres traballaba na súa explotación, feito que tamén denunciou, concretamente o 08 de abril de 2021, nas instalacións do SEPRONA en Ortigueira”, aseverou “Mon” Fernández.

Ademáis, denunciou tamén que “a Xunta nega copia dos expedientes sobre o tema solicitados regulamentariamente, dos que non me trasladan máis que unha relación, cando eu pedía copia dos expedientes, e chama a atención tamén que non figure ningún contra a empresa SOGARISA, nin contra ningunha das empresas da UTE que xestionan o Centro de Tratamento de Residuos industriais. Ningún expediente incoado nestes últimos 15 anos contra a empresa SOGARISA. Parece imposíbel...”

Volvendo aos episodios de contaminación obxecto das denuncias e desta iniciativa, o deputado nacionalista afirmou que “veñen revelar un escenario de complicidade total por parte da Xunta de Galiza e do Partido Popular nun caso grave de contaminación que ven producíndose dun xeito flagrante e reiterado desde hai anos, no contexto dunha actividade, o tratamento de residuos industriais perigosos, que é concesionada pola Xunta, e realizado por unha UTE de empresas entre as que figura a mencionada SOGARISA que ademais está participada pola propia Xunta de Galiza”

PP E PSOE REXEITAN NO PARLAMENTO GALEGO TOMAR MEDIDAS CONTRA DOS EPISODIOS DE CONTAMINACIÓN DE SOGARISA