PROPOSTAS: COMPLEXO INTEGRAL EN NAVANTIA, VINCULAR NOVOS PARQUES EÓLICOS A PROXECTOS INDUSTRIAIS, CENTRO DE ENERXÍA NAS PONTES E REXENERACIÓN DA RÍA
Pontón expresa total apoio do BNG á folga xeral do 10M porque Ferrolterra ten dereito a un futuro no económico e no social
Responsabiliza ao Goberno de Feijóo da situación tras doce anos de sen política industrial ao que se suma os incumprimentos do Goberno central
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes de empresas e sectores produtivos da comarca de Ferrol para analizar a situación económica e social que está detrás da folga xeral convocada para o 10 de marzo, convocatoria que conta con todo o apoio do BNG.
“Unha folga xeral que apoiamos con rotundidade porque é unha xornada de dignidade e de protesta de toda unha comarca que non se resigna as ser deserto industrial, unha que reclama solucións da man da acción política”, salientou Pontón, para quen “sobran os motivos para o 10M tras décadas de deixar caer os seus principais sectores produtivos que, curiosamente, dependen de decisións que se toman no Goberno da Xunta e no Goberno central”.
A líder nacionalista subliñou que o Bloque vai estar a carón dunha comarca “que loita, que se rebela contra o abandono e contra as políticas do PP e do PSOE que actuaron como auténticos “vetos” aos sectores produtivos de Ferrolterra, chámese naval, chámese enerxético ou chámese rexeneración das rías.
“Só estes tres sectores soportaron unha sangría de miles de empregos ao que se suma o efecto dominó que iso provoca en todo o tecido produtivo, que pende dun fío. A comarca de Ferrol ten todo o necesario para ser unha potencia industrial, se o Goberno da Xunta e o Goberno do Estado deixaran de ser parte do problema e pasasen a ser parte da solución”, explicou.
Para iso, argumentou, o que precisa Ferrolterra é política industrial, proxectos empresariais, transición enerxética xusta e recuperar a ría como sector produtivo básico. “Precisa compromiso político para sacar adiante un proxecto de futuro, compromiso que debe verse no BOE e no DOG”, demandou Pontón tras explicar as propostas do BNG.
No relativo ao sector naval, urxe poñer en marcha canto antes un complexo integral de construción, toda vez que se conta con persoal cualificado, e modernizar as infraestruturas e levantar os vetos que seguen de facto sobre a construción naval civil.
En relación ao sector enerxético, “non se pode tirar a toalla” e simplemente asumir o peche de ENDESA, por iso a formación nacionalista pon sobre a mesa dúas propostas. Primeira, vincular a adxudicación da capacidade de evacuación, -os 1.400 MW que libera a factoría das Pontes-, a recuperar postos de traballo que desaparecen co peche da central, e vincular autorizacións de parques eólicos a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego na comarca.
Tamén no caso das Pontes e baixo o paraugas da transición xusta, o BNG aposta por un Centro de I+D+i e de almacenamento de enerxía cun investimento de 100 M€ aproveitando os fondos europeos. A experiencia enerxética das Pontes fai que sexa a ubicación ideal, explicou.
E a ría como motor de riqueza e emprego a través do Proxecto de recuperación ambiental e produtivas das rías galegas, entre elas a de Ferrol, cun investimento de 1.096 millóns de euros con cargo aos fondos de europeos de recuperación. “Temos que conseguir que a Ría volva ser unha das principais fontes de emprego da comarca, xerando valor engadido e toda unha industria arredor da actividade extractiva”, indicou a líder nacionalista.
No encontro tamén participaron representantes de traballadoras de empresas e de sectores moi feminizadas, que tiveron un papel clave nesta pandemia, como o caso das residencias DomusVi, Gadis ou Leite Celta, presentes na reunión na que tamén participou o deputado pola comarca, Ramón Fernández.
Traballo feminizado e desigualdade laboral
“Van saír a rúa nesa xornada de folga xeral en defensa dos seus dereitos laborais, previa cita do 8M onde non imos quedar na casa, nin imos permitir que a pandemia supoña un novo retroceso nos nosos dereitos laborais. Todo o meu apoio e solidariedade con elas como portavoz nacional do BNG pero tamén como muller, sabendo que esta crise está deixando ao descuberto as desigualdades no ámbito do traballo”, declarou Pontón.
Preguntada polo apoio do PP á folga do 10M, a líder nacionalista considera que se trata dun intento de “lavado de cara”.
“Se van empezar a tomarse en serio os problemas de Ferrolterra benvidos, senón será un novo exercicio de cinismo político que non se merecen os veciños e as veciñas desta comarca”, advertiu Pontón, tras lembrar que o Goberno de Feixóo leva doce anos sen facer política industrial na comarca e, por tanto, e responsable principal da situación.
“Esta folga ten que servir para que se produza un punto de inflexión porque a xente está cansa de promesas e quere feitos, que haxa carga de traballo, que se modernice o sector naval, que se poña en marcha unha transición enerxética xusta e que se faga unha política industrial que permite traer empresas”, concluíu.