Pontedeume precisa de novas dotacións

WhatsApp Image 2023-12-01 at 16.58.52
WhatsApp Image 2023-12-01 at 16.58.52

Un novo centro  deportivo municipal, un auditorio, e o Parque das Fragas do Eume prioridades do BNG na presentación da emendas aos orzamentos da Xunta

Pontedeume precisa de novas dotacións
O portavoz do BNG no Concello de Pontedeume, Luís Pena, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández anunciaron as emendas que o Grupo parlamentar do BNG ven de presentar ao proxecto de orzamentos da Xunta que están a tramitarse actualmente.
O portavoz municipal fai fincapé na necesidade de Pontedeume de contar con novas infraestruturas públicas para os veciños e veciñas do concello, tales como un novo centro deportivo fóra do centro histórico, que sexa moderno, accesíbel e funcional, xa que o antigo pavillón da Casqueira non da resposta a ampla demanda da veciñanza e dos numerosos clubs deportivos da vila.
No mesmo ámbito dotacional é de salientar que Pontedeume sexa unha das poucas vilas do seu rango de poboación que non conta cun auditorio, polo que emendamos os orzamentos da Xunta con 4 millóns de euros para dotar á nosa Vila dun espazo axeitado para actuacións tanto musicais como teatrais de tamaño medio e que conte con anexos para ensaios e docencia.
En outra orde de cousas o BNG tamén demanda da Xunta unha maior implicación na recuperación do centro histórico, coa constitución dunha oficina especializada de rehabilitación.
E finalmente desde o BNG queren chamar a atención especificamente sobre a situación de abandono do Parque natural das Fragas do Eume, e do seu enorme potencial para convertirse nun dos motores económicos da comarca e do Concello.
A este respeito sinalan que unha vez aprobado o PRUX do Parque, con 25 anos de atraso, o que corresponde é elaborar un plan explotación, con participación directa da propia Xunta de Galiza, e coas necesarias consignacións orzamentarias para adquisición de parcelas, para impulsar a recuperación da fraga, e para promover, con axudas públicas, formas e sistemas de explotación compatíbeis cos obxectivos do Parque. Neste sentido van tamén varias das emendas do BNG ao actual proxecto de orzamentos da Xunta.
Neste sentido queren lembrar as iniciativas do BNG presentadas para que a Xunta asuma a reparación da estrada de Ombre, principal vía de acceso ao Parque e ao Mosteiro de Caaveiro, tal como viña facendo historicamente até que, de súpeto, unilateralmente e sen alternativa, deixou de facelo alegando non estar clara a titularidade da estrada.
O BNG presentou no Parlamento unha iniciativa para que mentres non se aclare esa titularidade a Xunta repare de urxencia a estrada, tal como viña facendo, para garantir o acceso dos visitantes, e máis para garantir a seguridade das persoas que traballan no seu ámbito.
 
Pontedeume precisa de novas dotacións