O Conselleiro de Educación manipula a realidade para xustificar os recortes no IES “Punta Candieira”
O BNG demandou onte no pleno solucións para as demandas da comunidade escolar fronte aos recortes
O deputado do BNG Mon Fernández interpelou onte no pleno do Parlamento Galego (*) ao Conselleiro de Educación ao respecto dos recortes no IES “Punta Candieira” de Cedeira. O nacionalista comezou decindo que “en contra do que di a propaganda do Partido Popular, no ensino público hai recortes. E nomeadamente no IES PUNTA CANDIEIRA da vila de Cedeira a súa consellaría comunicou durante o verán un recorte de 14 profesores e profesoras; aínda que parece que ultimamente ofreceron vostedes “reducir” os recortes en tres persoas, é dicir suprimir 11”
Sobre os efectos desta medida para a comunidade escolar, Mon Fernández lembrou que “ que non haberá reforzos educativos de Lingua Castelá e Matemáticas en 2º e 3º de ESO. O que implica grupos máis numerosos, cos ratios no máximo. Non haberá persoal para Laboratorio, e polo tanto non poderá haber prácticas en materias como Física e Química ou Ciencias; desaparecendo o Bacharelato de Adultos, e poida que tamén o Ensino Secundario de Adultos”.
Engadíu o deputado nacionalista que, alén do anterior, os recortes “significan que a Biblioteca Escolar só abrirá un terzo do seu horario, significa a desaparición da Aula de convivencia, onde se resolven os conflitos dun xeito integrador a través da mediación, significa problemas para realizar as gardas por falta de profesores, menos horas para desenvolver os proxectos nos que viña participando o centro con moitos éxitos: premio extraordinario de Mecatrónica Industrial, 1º premio Isabel Zendal do Pensamento Crítico, proxectos de igualdade de xénero.....”
Mon Fernández recrimioulle ao conselleiro que “en definitiva, vostede sabe ben, que este recorte é absolutamente desmedido, desproporcionado, e inxustificado, e sabe ben que tipo de consecuencias ten para unha vila cos problemas de transporte que ten a vila de Cedeira. Explique, por favor, a que se debe este recorte, e sobre todo poña día e hora para recibir á corporación municipal que lle ten solicitada formalmente unha reunión, por unanimidade, desde hai tempo”
A intervención do conselleiro –que o único que fixo foi tentar maquillar e manipular a realidade- recibíu a protesta da representación da plataforma SOS IES PUNTA CANDIEIRA, que asistía á sesión do Parlamento, o que motivou a súa expulsión. Unha actitude fronte á que o representante do BNG espetoulle ao conselleiro: “déixense de represalias e de censuras que por aí vai mal, xa lle dixen que nese centro levaron un premio por fomentar o espíritu crítico, se cadra debera vostede matricularse un par de anos no Punta Candieira para aprender o que iso significa, asumilo e aceptalo, e sobre todo poña día e hora para esa reunión”