As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal serán protagonistas da vindeira lexislatura da man do BNG

Os deputados Xosé Manuel Golpe e Mon Fernández anuncian unha defensa incansábel dos intereses e necesidades comarcais
O BNG presentou hoxe no Círculo de Perlío aos deputados eleitos polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal nas pasadas eleccións ao Parlamento da Galiza, así como as súas liñas de traballo para a vindeira lexislatura.
Mais en primeiro lugar quixeron agradecer á poboación destas comarcas o enorme apoio recibido polo BNG nas pasadas eleccións, con 12 concellos onde melloraron o 31,57% obtido polo BNG no conxunto da Galiza. Mugardos, San Sadurniño, Cedeira, Moeche, As Pontes, Pontedeume, Ares, Neda, Cabanas, Narón e Cariño, por riba desa porcentaxe de apoio, e sobre todo o Concello de Fene, onde pasamos do 42%, e que quixemos salientar e agradecer especialmente facendo aquí este encontro cos medios.
Os apoios recibidos nestes concellos demostran que o BNG non ten teito electoral, e que o nacionalismo pode chegar a ser hexemónico na Galiza, e demostran que o traballo realizado nos últimos anos polo BNG tanto nas institucións como socialmente conta con un nivel de aprobación moi importante que ven de ser refrendado nas urnas, e polo tanto sirve de indicación de cal debe ser a orientación e os eixos fundamentais do noso traballo para este vindeiro curso político que se inicia en breve.
Estes eixos serán a defensa incansábel duns servizos públicos de calidade, sanidade, ensino, servizos sociais e transporte, que hoxe o Partido popular degrada sistematicamente priorizando o negocio privado por riba da calidade na atención ás necesidades das persoas. E por outra banda a demanda constante dun auténtico proceso de reindustrialización para As Pontes, un modelo de desenvolvimento eólico respectuoso co territorio e a diversificación das nosas comarcas, historicamente de marcado carácter industrial mais que non merecen por parte do Partido Popular nin a máis mínima atención.
A rexeneración da ría de Ferrol, o impulso dun auténtico plan para o Parque das Fragas do Eume, a posta en valor do mosteiro de Monfero, e as infraestruturas de comunicación, sobre todo co Ortegal, tamén estarán entre as nosas prioridades de traballo