O BNG denuncia a exclusión de alumnado no período de admisión para o vindeiro curso

Rolda de prensa iniciativas educación
Rolda de prensa iniciativas educación
Demanda recursos e liberadade de escolla das familias do centro situado na área na que viven
O BNG denuncia a exclusión de alumnado no período de admisión para o vindeiro curso

O BNG denunciou públicamente a exclusión de numerosas crianzas en centros da nosa comarca, ao inadmitirse as solicitudes de admisión que se tiñan tramitado por parte das respectivas familias. Nunha rolda de prensa celebrada hoxe –coa participación dos deputados Mon Fernández e X. Manuel Golpe, con portavoces municipais dos concellos afectados na nosa comarca- o BNG deu a coñecer os datos recabados por centro, a saber:

CPI Atios do Concello de Valdoviño, 18 crianzas excluídas, CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela, 2 excluídas, CEIP Os Casais do Concello de Fene, 8 excluídas.
Problemas semellantes nos CEIP Sta. María das Pontes, A Laxe, na parroquia de Valón en Ferrol. Segundo se foron facendo públicos os problemas destes centros outras familias afectadas foron poñéndose en contacto con nós, así que non temos dúbidas de que hai  máis casos.

Segundo o deputado Mon Fernández “en todos estes centros o problema formal é o seguinte: non hai vacantes, e vense obrigados a desestimar solicitudes en base a unha baremación. En moitos casos o problema prodúcese pola aplicación do acordo de xaneiro deste ano 2024 entre a Consellaría de educación e os sindicatos minoritarios do ensino público”

Un acordo para a redución de ratios nas aulas que a Consellaría vendeu a bombo e prato como un gran avance para o profesorado que melloraría a calidade do ensino. Mais, segundo o deputado nacionalista “o que está a acontecer é que a baixada de ratios non redunda nun desdobramento de aulas e aumento de profesorado, sobre todo nos coles rurais, senón que a consellaría está a aplicar un política de “numerus clausus” na súa versión máis restritiva nas etapas do ensino obrigatorio, sen atender a criterios de proximidade ou de fixación de poboación no rural, chegando ao punto de resultar un auténtico boicot ao traballo de ANPAs e direccións por dotar aos centros dos mellores servizos e de bos proxectos educativos, dun xeito moi salientábel no caso dos Casais, en Maniños (Fene), onde o aumento de solicitudes de matrícula froito dese traballo pode verse frustrado.

Mon Fernández remarcou que “as familias que ficaron excluídas en todos estes centros contactaron con inspección e a única resposta que obtiveron é que teñen que agardar. Parécenos unha resposta intolerábel que non ten en conta que cada unha desas nenas e nenos ten unha familias detrás con necesidade de planificar, organizar e asegurar o que vai ser o seu futuro próximo”

Ao fío desta situación, a proposta que o BNG vai levar á comisión de educación do Parlamento o vindeiro martes 4 de xuño:

1. Que se admita a todo o alumnado que solicita a admisión, tanto este curso, como os vindeiros, tendo en conta que ten espazo, disposición do centro e medios para facerlle fronte a estas solicitudes
2. Que se dote dos recursos que faga falta para facer fronte a estas solicitudes 3. Que se respecte a liberdade de escolla de centro das familias, sobre todo ao estarmos falando de familias da área de influencia do centro
4. Que aos centros do rural, que teñan agrupamentos, se lles permita ofertar TODAS as vacantes e que, en función das solicitudes que haxa se confeccionen os agrupamentos, non ao revés como se propón actualmente
5. Que as reducións de ratios deben servir para mellorar a calidade do ensino, non para empeorar a vida das persoas.

O BNG denuncia a exclusión de alumnado no período de admisión para o vindeiro curso