O BNG demanda medidas para a recuperación da Ría de Cedeira
BNG –por medio dos deputados Ramón Fernández Alfonzo, Xosé Manuel Golpe Acuña e Rosana Pérez Fernández- vén de presentar unha batería de iniciativas demandando da Xunta medidas para a recuperación da ría de Cedeira e as súas potencialidades como Reserva Mariña de Interese Pesqueiro. Nembargantes, como se indica na exposición de motivos da iniciativa “neste momento ten unha clasificación bactereolóxica de zona C, o que debería provocar a actuación inmediata e decidida das autoridades competentes para corrixir esta situación restaurando os seus recursos pesqueiros e marisqueiros poñéndoos a altura do que podería esperarse dunha Reserva mariña, ou cando menos a altura do momento en que se decidiu a constitución desta figura de protección”
Mais, como se indica na proposta nacionalista “durante estes anos non só perderon o banco de berberecho da praia da Malena, senón tamén os bancos de coquina da praia de Vilarrube e de ameixa fina da ensenada de Pantín, quedando a produción marisqueira da ría de Cedeira reducida a un pequeno banco de berberecho na ensenada de Esteiro, que por causa de ser zona C debe someterse a reinstalación en batea antes de levarse ao mercado”
Denunciase, finalmente que “iste é o nivel de control e coidado que a Xunta pon sobre os nosos recursos marisqueiros, sobre a calidade de augas que antes eran zona A, ou sobre o emprego do sector, que antes ocupaba a máis de 54 persoas e hoxe apenas a 16 mariscadoras a pé”.
Ao fío desta situació, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a:
- Eliminar os vertidos que provocan os elevados niveis bactereolóxicos
- Restaurar os bancos marisqueiros da praia da Madalena, da praia de Vilarrube e da ensenada de Pantín
- Ampliar os períodos de funcionamento da batea de reinstalación a todo o ano”
1. Por que a Xunta de Galiza non exerce as súas competencias en materia de produción de marisqueira?
2. Por que a Xunta de Galiza non protexe a Reserva mariña da ría de Cedeira?
3. Por que a Xunta de Galiza non se compromete na eliminación dos vertidos na ría de Cedeira?
4. Por que a Xunta de Galiza non se compromete na restauración dos bancos marisqueiros?
5. Por que a Xunta de Galiza non amplía o funcionamento da batea de reinstalación a todo o ano?
6. Como estima a Xunta de Galiza que pode afectar á saúde pública a actual clasificación bactereolóxica da ría de Cedeira?
7. Como estima a Xunta de Galiza que a actual situación da ría de Cedeira afecta ao emprego dos Concellos afectados e á crise demográfica?
Pregunta a Pleno
Por que a Xunta de Galiza non protexe a Reserva mariña da ría de Cedeira?