RAMÓN FERNÁNDEZ DENUNCIA A “PROPAGANDA SEN RECURSOS” DA CONSELLERÍA E ADVIRTE QUE “FENDAS, ESCONCHADO E HUMIDADES” SÚMANSE Á FALTA DE ESPAZO
O BNG urxe á Xunta a reforma prometida no Concepción Arenal de Ferrol para non ter que impartir Educación Física nas aulas
Santiago de Compostela, 17 de decembro, 2025. Pleno. O deputado do BNG pola comarca de Ferrol Ramón Fernández urxiu ao conselleiro de Educación a cumprir as súas promesas e a acometer xa a reforma que precisa desde hai ano o IES Concepción Arenal de Ferrol, sobre todo no que ten que ver coa falta de espazo para impartir as clases de Educación Física.
Unha falta de espazo que se fai evidente durante todo o curso pero que, advertiu, resulta especialmente grave nos días de choiva, cando parte do alumnado, ao non poder usar as pistas ao aire libre, vese na obriga de facer Educación Física na aula. “É dicir, cando chove, algún dos grupos non fai Educación Física, directamente”, criticou o deputado nacionalista durante unha pregunta formulada no Pleno ao conselleiro Román Rodríguez.
Segundo explicou o deputado da comarca, neste IES —o vello instituto masculino de Ferrol— chegan a coincidir tres grupos facendo Educación Física no pequeno pavillón do que dispón. “No pavillón non collen dous grupos xuntos, por non falar dos vestiarios, porque é absolutamente imposíbel que un mínimo de 50 rapaces e rapazas poidan asearse e cambiarse ao mesmo tempo”, argumentou.
Ramón Fernández censurou a “propaganda sen recursos” do PP na Xunta que, segundo subliñou, prometeu hai anos a reforma do IES. De feito, expuxo, hai xa tres anos que o BNG levou a debate no Parlamento o “abandono” ao que ten sometido a este centro o Goberno do PP. “Vostede dicía entón que faltabamos á verdade, pero tres anos despois a situación do instituto segue igual. É dicir, constátase que efectivamente está abandonado”, denunciou.
“As fendas, esconchado, e humidades foron a peor, e por suposto seguimos sen espazo apropiado para Educación Física”, engadiu o deputado nacionalista, lembrándolle ao conselleiro que en novembro de 2023 anunciou que os trámites para a reforma comezarían no 2024. “A 14 días de comezar o ano 2026, como está o proxecto”?, preguntoulle, para recriminarlle a continuación que malia gabarse o PP do aumento de horario desta materia, “non fai nada” para resolver o problema no Concepción Arenal.
Ramón Fernández aproveitou a pregunta parlamentaria para reprocharlle ao conselleiro a súa “falta de diálogo e vontade construtiva” á hora de resolver os problemas do ensino en Galiza. Emprazouno, neste punto, a respectar a maioría sindical que saíu das eleccións e a todos e todas as docentes que hoxe mesmo protagonizan unha nova xornada de folga para defender non só os dereitos do profesorado, senón “tamén e sobre todo o dereito a un ensino de calidade, con medios e persoal suficiente para atender todas as necesidades dos nosos fillos e fillas, para atender todas as casuísticas e a diversidade que convive nos centros de ensino”.
Reféns do autoritarismo do PP
Ramón Fernández subliñou que os galegos e as galegas teñen dereito a un ensino de calidade, integrador e igualitario, para o que compre “baixar o rateo, máis profesorado, máis orientadores e orientadoras, máis desdobres, máis especialistas e máis recursos” .
“O que vivimos e sentimos os pais e nais a día de hoxe nos centros educativos é que somos reféns do PP, reféns do seu autoritarismo e prepotencia, reféns do seu negacionismo e do seu pensamento único negador da realidade e negador dos recursos necesarios para atendela, tanto no plano académico como emocional”, reprobou.