O BNG urxe á Xunta no Parlamento a ofrecer solucións de futuro para “evitar o desastre económico” e social en Ferrolterra
O vicepresidente Conde recoñece a pregunta de Ramón Fernández que non se verá ao Executivo galego reclamando construción civil para Navantia
O BNG vén de urxir á Xunta no Parlamento galego solucións de futuro que permitan evitar o desastre económico e social na comarca de Ferrol, logo do anuncio dos últimos peches industriais que veñen a afondar na crise que xa padece dende hai anos.
O portavoz de Industria e deputado por Ferrolterra, Ramón ‘Mon’ Fernández, exixiu nunha pregunta parlamentaria ao Goberno galego que actúe “para que a comarca supere este tsunami que se nos vén enriba” e, neste sentido, reprochoulle que se ben o Estado ten responsabilidade no peche de Endesa, a Xunta leve “un ano agardando polos resultados das probas cos biocombustíbeis sen ter un plan B”.
De igual xeito, afeoulle a súa conivencia coa restrición ao mercado militar da actividade de Navantia na ría ferrolá. “Son unhas restricións que están na orixe da crise xa estrutural que vive Ferrol e coas que vostedes comungaron durante os moitos anos que tiveron o Goberno central e coas que a Xunta convive pacificamente como demostra a súa renuncia a estar no consello de administración de Navantia”, recalcou. Precisamente sobre a actividade naval na ría, o vicepresidente segundo, Francisco Conde, respondeu á pregunta do deputado nacionalista que non se verá ao Executivo galego reclamando construción civil para Navantia.
Fernández tamén se referiu ao peche de Siemens Gamesa subliñando que os parques eólicos de menos de 50 MW e as políticas industriais son competencia do goberno galego “e non fan vostedes nada para evitar que en pleno boom eólico, peche en Galiza unha das poucas fábricas de compoñentes que quedan”. Inacción política que, segundo dixo, tamén está presente na saúde da propia ría. “Certo é que tamén o Goberno español é titular de varias administracións e varias infraestruturas que condicionan a súa supervivencia, pero a competencia en pesca e marisqueo é da Xunta”, reprochou.
Logo de celebrar a convocatoria de mobilizacións comarcais en Ferrol, o portavoz de Industria instou ao Executivo de Feixóo a levar ao Congreso as discusións sobre o que debe facer o Estado. “Preocúpense tamén en Madrid dos problemas de Galiza, porque da a impresión de que para o PP os problemas galegos non son susceptibles de seren tratados nas institucións españolas”, exixiu.
Nesta liña, acusou a PP e PSOE, Goberno galego e central, de “pasarse a pelota dun tellado a outro sen resolver absolutamente nada, deixando en evidencia a indefensión da sociedade galega que provoca o actual modelo territorial do Estado español”. “Precisamos competencias e instrumentos para impulsar a nosa economía, precisamos autogoberno”, concluíu.