O BNG solicita a paralización urxente dos traballos na mina “As Viñas” no Concello das Somozas

IMG-20210702-WA0014
Encontro
O deputado Mon Fernández ven de rexistrar unha batería de iniciativas apoiando aos veciños e veciñas no seu conflito coa empresa que quere iniciar, despois de 25 anos de ser autorizada, a actividade dunha explotación mineira
O BNG solicita a paralización urxente dos traballos na mina “As Viñas” no Concello das Somozas

Os veciños e veciñas da parroquia da Toca, no Concello das Somozas, solicitaron a intervención e o apoio do BNG no conflito que manteñen coa empresa Francisco Gómez y Cia e máis coa Xunta de Galiza, por causa dos movementos de terras e outros traballos de preparación iniciados recentemente para explotar a mina coñecida como “As Viñas”.

Esta mina foi obxecto de autorización hai agora 25 anos sen que nunca chegara a iniciarse a súa explotación, tal como testemuñan os propios veciños, preocupados e preocupadas sobre todo pola súa propia seguridade, polo fluxo de vehículos pesados de carácter industrial, polos ruídos, e polos visibles efectos que este trafego de terras e camións está a ter xa a día de hoxe no río Grande Xuvia a través dos seus afluentes.

A alcaldesa de Moeche Beatriz Bascoy, e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, visitaron o lugar e mantiveron unha reunión co colectivo afectado, comprobando en primeira persoa o risco evidente da actividade mineira na parroquia, así como a situación do río, que de feito xa provocara certa alarma entre os veciños e veciñas de Moeche, concello limítrofe augas abaixo.
 
A través do Parlamento veñen de “instar á Xunta a paralizar urxentemente a actividade na explotación mineira coñecida como As Viñas, situada na parroquia da Toca no Concello das Somozas, mentres non se garanta efectivamente a seguridade das persoas, dos regatos e ríos da contorna, así como das vivendas, e da circulación viaria.”
 
 
O BNG solicita a paralización urxente dos traballos na mina “As Viñas” no Concello das Somozas