O PARTIDO POPULAR CRIOU UN MONSTRO QUE SE VOLVE CONTRA PERSOAS TRABALLADORAS E USUARIAS
O BNG responsabiliza á Xunta da folga dos autobuses
Ferrolterra 19 de xaneiro de 2026. A responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, manifestan que a principios de decembro do 2025 os 3 sindicatos maioritarios da Galiza xa advertían do bloqueo por parte da patronal da negociación do convenio de transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada da provincia da Coruña, un convenio que ademais de afectar a 3.000 persoas traballadoras afecta tamén á practica totalidade de empresas de transporte en autobús da provincia.
Un sector que presta un servizo esencial para a cidadanía, para milleiros de persoas en toda a provincia que o utilizan a diario para ir ao traballo, aos centros de ensino, de saúde, etc, e que non teñen alternativa, sobre todo nas nosas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde a falta dun servizo de ferrocarril é un dos grandes déficits históricos.
Os portavoces nacionalistas salientan que a política de mobilidade do Partido Popular desde que Feijoo chegou á presidencia da Xunta e que continúa agora con Rueda consiste en desmantelar o sector do transporte por estrada promovendo a desaparición de numerosas pequenas empresas e a concentración de todos os contratos nas mans de apenas 3 grandes empresas, con unha preferencia pública e notoria por MONBUS, que ten practicamente o monopolio do sector.
Este monopolio ten o seu reflexo na composición da mesa de negociación do convenio, con unha patronal totalmente condicionada pola vontade e as directrices de MONBUS.
O convenio leva 4 anos caducado e xa foi superado pola normativa actual en materias como conciliación ou control horario. Os sindicatos salientan que as súas reivindicacións son tan básicas como adaptar o texto do convenio á normativa vixente, acadar incrementos salariais dignos e unha cláusula de revisión en función do IPC, así como avanzar nos dereitos do persoal acompañante do transporte escolar, especialmente precarizado e con con contratos que as veces non superan os 114 minutos, ou incluír unha cláusula de xubilación parcial que promova o relevo profesional na estrada antes dos 67 anos.
A bloqueo patronal levou á convocatoria de varias xornadas de folga e a unha tentativa de mediación xa en decembro por parte do CGRL da que marchou a patronal sen facer avance ningún.
Este luns, 8ª xornada de folga no sector o conflito vai a máis coa intervención da policía nas estacións de Ferrol, A Coruña e Compostela, practicamente paralizadas e con milleiros de persoas afectadas, mais a Xunta de Galiza segue protexendo a súa criatura contra vento e marea, facendo como se os trastornos das persoas usuarias afectadas pola folga non fosen da súa responsabilidade ou os dereitos laborais do persoal traballador non fosen tampouco da súa competencia. Para a responsábel comarcal “Unha actitude absolutamente irresponsábel que parece conducirnos a unha folga indefinida no mes de febreiro”.
Compre lembrar e salientar a responsabilidade da Xunta nesta situación, en primeiro lugar na promoción e alimentación do monopolio de MONBUS, outorgándolle unha posición de dominio no transporte de viaxeiros e viaxeiras que leva anos penalizando ás persoas usuarias e agora co bloqueo das negociacións do convenio chegou á súa máxima expresión, en segundo lugar no seu papel de principal contratista dos das liñas de autobús, en terceiro lugar como reguladora do propio sector de transporte por estrada coa obriga expresa de velar pola competencia, e por último, en canto aos dereitos laborais e á negociación colectiva, como autoridade laboral na Galiza.
Pola súa parte, o deputado Mon Fernández anuncia a presentación de iniciativas parlamentarias por parte do BNG reclamándolle á Xunta de Galiza que exerza as súas competencias e as súas responsabilidades e tome cartas no asunto para poñer fin ao conflito chamando ás partes a negociar de boa fe, “un conflito social non pode transformarse nun problema de orde pública, a solución non é policial, o persoal ten dereito a un convenio xusto e as persoas usuarias non poden ser reféns das grandes empresas protexidas do Partido Popular e o goberno galego debería ser parte protagonista dunha solución negociada”.