O BNG reclama no Parlamento Galego a realización de cribados masivos nos concellos de Fene, Moeche e Cabanas
Diante do aumento alarmante de contaxios nos concellos de Fene, Moeche e Cabanas, desde os respectivos gobernos municipais dirixíronse solicitudes á Consellaría de Sanidade demandando a realización de cribados masivos PCR entre a poboación, mais a sorprendente falta de concreción da resposta recibida provocou que antes de outras xestións, e dada a gravidade da situación, se promovera a presentación dunha iniciativa parlamentaria do BNG reclamando da Xunta a realización dos cribados solicitados.
Os recurtes páganse
Por outra banda, o BNG tamén quere manifestar que fetios coma este desminten dúas das máximas do Partido Popular respecto da xestión da crise sanitaria: por unha banda hai discrecionalidade e xuízos políticos (partidarios) na toma de decisións, e por outra banda hai déficits de medios e persoal para atender debidamente as necesidades de atención da crise sanitaria.
Estes feitos evidencian que non existen criterios técnicos pre-establecidos que determinen a partir de que ratios de contaxios, e en que ámbitos, deben facerse estes cribados masivos dun xeito automático, sen necesidade de que os Concellos teñan que solicitalos, e ademais respóndese a estas solicitudes con inconcrecións e xeneralidades pola imposibilidade de atendelas coa necesaria celeridade.