XOSÉ M. GOLPE APELA Á VONTADE POLÍTICA DO PP NA XUNTA PARA CREAR NO CONCELLO DAS PONTES UN CENTRO DE COMPETITIVIDADE E I+D+I NA MATERIA “GALIZA TEN QUE DECIDIR SE VAI TER VOZ PROPIA NA TRANSICIÓN ENERXÉTICA OU O SE SE RESIGNA A SER, UNHA VEZ MÁIS, SÓ O PATIO TRASEIRO ENERXÉTICO DOUTROS”
O BNG propón dotar a Galiza das ferramentas necesarias para ser referencia no almacenamento da enerxía excedente
Santiago de Compostela, 6 de marzo, 2026. O portavoz de Enerxía do BNG no Parlamento, Xosé Manuel Golpe, propuxo na Comisión 6ª o impulso dunha estratexia galega de almacenamento diversificada e a creación dun Centro de Competitividade e I+D+i na materia con sede en As Pontes. “Galiza ten que decidir se vai ter voz propia na transición enerxética ou se nos resignamos a ser, unha vez máis, só o patio traseiro enerxético doutros”, asegurou.
O deputado nacionalista emprazou á “vontade política” do PP na Xunta para darlle ao País un papel propio na cadea de valor da transición enerxética, tanto en innovación, como en almacenamento e emprego cualificado. Segundo explicou, a produción renovable galega supera a demanda interna desde o ano 2020, pero “a realidade é que esa enerxía excedente, producida especialmente nos picos nocturnos, non ten onde ir, non temos onde gardala, e, entón, véndese ou exportámola a prezos baixos, mesmo negativos en moitas ocasións”.
“E mentres, seguimos importando gas fósil para cubrir as horas en que o vento para”, agregou, subliñando neste punto que “o almacenamento é a pata que falta para que a redución da dependencia enerxética exterior sexa real e non só unha declaración de intencións”.
O centro de I+D que propón o BNG nas Pontes segue o modelo do Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento Enerxético (CIIAE) de Cáceres, que funciona como polo de atracción de tecido industrial, de cadea de valor e de emprego cualificado de alta intensidade en coñecemento.
“Se Estremadura puido facelo, por que Galiza non pode?”, preguntou, ao tempo que destacou que “Galiza ten máis potencia renovábel instalada, máis densidade de infraestruturas eléctricas, máis diversidade de fontes de xeración, e territorios en plena transición industrial e enerxética como As Pontes ou Meirama que están á espera dunha resposta”.
Segundo a proposta nacionalista, o centro de innovación en almacenamento serviría para crear un “ecosistema enerxético completo” no eixo Ferrol-A Coruña-As Pontes, pois funcionaría de maneira complementaria ao Polo de Innovación de Enerxías Mariñas e Almacenamento do CIS de A Cabana —“un paso a dirección correcta”— e á plataforma experimental de Punta Langosteira. “Tres vértices dun triángulo que pode ser a punta de lanza dun impulso industrial para as zonas de transición xusta”, alegou, aludindo á investigación en enerxías mariñas no CIS da Cabana, á validación experimental nas ondas de Punta Langosteira e ao almacenamento estacional e I+D+i en tecnoloxías de integración renovábel de As Pontes.
O deputado pola comarca defendeu o emprazamento deste centro nas Pontes como “territorio que mellor encarna tanto o problema coa solución” para a transición xusta, e porque ten unha infraestrutura eléctrica “excepcional”, ten auga e ten os equipamentos da central aínda dispoñíbeis, sendo algúns aproveitables para almacenamento térmico. As Pontes ten ademais, salientou, unha potencia instalada renovábel local de polo menos 1.179 megavatios, cunha xeración estimada de 1.674 xigavatios-hora ao ano para unha demanda interna de apenas 79.
Afondando nesta cuestión, explicou que, ademais, a Estratexia Estatal de Almacenamento Enerxético contempla explicitamente o uso de instalacións enerxéticas en desuso vinculadas á xeración con carbón para proxectos de almacenamento nas zonas de transición xusta.
“Galiza está excluída desa estratexia de facto porque a Xunta non pediu formalmente a participación”, denunciou, para reclamarlle o PP no goberno galego que rectifique e deixe de ver o almacenamento como “un tema colateral”.
No transcurso dunha pregunta ao director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández, esixiu, no mesmo sentido, o cumprimento do acordo “empurrado” polo BNG e aprobado por unanimidade no Consello das Pontes arredor de tres eixos: almacenamento estacional e integración renovábel, hidróxeno verde para usos industriais e de transporte e transición xusta e economía circular.