O BNG presenta no Parlamento Galego varias iniciativas sobre o CAPD Souto de Leixa
O deputado, Mon Fernández, presentou unha Proposición non de lei para a recuperación da xestión pública do centro, así como unha batería de preguntas á Xunta sobre as principais queixas das familias
A xestión do Centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa, titularidade da Xunta de Galiza, situado no Concello de Ferrol, é motivo de polémica case desde o momento mesmo en que foi privatizada a favor da empresa CLECE, do grupo ACS, a finais do ano 2010 por un prazo inicial de 3 anos, e que ven prorrogándose sucesivamente desde aquela.
Tanto o comité de empresa como as familias das persoas residentes quéixanse de que o estado das instalacións é desastroso, de que o salario, as malas condicións de traballo, a comezar pola sobrecarga provocada pola falta de persoal, a non adaptación dos postos ao persoal con discapacidade, a falta de formación... provocan abandono e rotación nos postos de traballo, afectando ademais á calidade da prestación do servizo.
Segundo o deputado do BNG "as condicións de vida das persoas residentes e a súa atención e seguimento sanitario son obxecto de duras críticas por parte dos familiares, que se queixan de que pasan frío e fame, de que durmen vestidos, de que chegan aos domicilios con roupa de outras persoas residentes, de descontrol na medicación, de reiterados incidentes con lesións, e das tremendas dificultades que a dirección do centro impón para o acceso ás instalacións"
Mon Fernández asegura, ademáis, que "estas queixas, como dicimos reiteradas, son coñecidas pola Consellaría de Política social, que segue sen tomar medidas, tornándose nunha especie de muro insuperábel que está a provocar un desgaste engadido á saúde das familias que confesan atoparse nunha situación límite, e que lembran tempos mellores cando a xestión era pública".
A iniciativa discutirase en comisión no Parlamento Galego o próximo xoves 16 de febreiro.