O BNG presenta iniciativas no Parlamento Galego para a restauración do perfil orixinario da Praia da Concha en Espasante

Momento da reunión
Momento da reunión

Unha delegación do BNG na que participaron os deputados Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe visitaron a zona e se reuniron coa asociación de veciños e veciñas

O BNG presenta iniciativas no Parlamento Galego para a restauración do perfil orixinario da Praia da Concha en Espasante

Entre os anos 80 e 90 do século pasado, a construción do peirao e do espigón no porto de Espasante mudaron de xeito radical a morfoloxía do paseo marítimo e da praia da Concha.

A construción do espigón e o porto interromperon o fluxo natural dos sedimentos, que é esencial para a estabilidade do areal. Isto está a provocar a desaparición da área dunha parte da praia, e polo tanto a practica desaparición da praia nesa zona, e a acumulación da area noutra zona, coa constitución dunha nova duna que antes non existía.

Esta nova duna “secundaria” impide ver o mar a día de hoxe desde o boa parte do paseo así como desde os establecementos de hostalaría e restauración que nese paseo existen, excedendo a altura da area acumulada o muro que separa o paseo da praia, e provocando tamén problemas aos servizos de limpeza municipais que teñen sido advertidos de que esta nova duna goza de protección medioambiental e debe ser, polo tanto, absolutamente respectada.

Ante a inacción das diferentes administracións a Asociación de veciños e veciños de Espasante tomou a iniciativa e comezou por demandar información ás diferentes administracións sobre esta problemática, sen obter a día de hoxe por parte da Xunta de Galiza unha resposta satisfactoria, clara e inequívoca ás súas preguntas, o que levou posteriormente a convocar unha protesta veciñal no propio entorno da praia e do paseo marítimo o pasado domingo 18 de agosto que foi amplamente secundada.

O pasado día 21 de agosto unha representación do BNG, encabezada polo portavoz municipal no Concello de Ortigueira, Marco Schaal e a responsábel local Fani Pérez, e na que participaron tamén os deputados no Parlamento Galego Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe, celebraron unha reunión coa asociación de veciños e veciñas de Espasante na que se comprometeron a presentar unha serie de iniciativas solicitando á Xunta de Galiza unha actuación destinada a rexenerar a praia da Concha e devolvela ao seu perfil orixinario, iniciativas que veñen de ser rexistradas formalmente e que xa están a disposición para o seu debate.

O BNG presenta iniciativas no Parlamento Galego para a restauración do perfil orixinario da Praia da Concha en Espasante