O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento reclamándolle á Xunta anular o recorte de profesorado en Cedeira
O deputado Mon Fernández, a responsábel comarcal Mercedes Tobío, e representantes do BNG da localidade de Cedeira reuníronse co equipo directivo do IES que ven de comunicar a súa dimisión en bloque en resposta ao recorte comunicado pola Xunta.
Durante a reunión lembraron que precisamente hai 37 anos a sociedade de Cedeira se mobilizara demandando para a localidade unha oferta educativa variada e de calidade, e
que efectivamente o impacto do centro educativo deixárase notar moi positivamente, sobre todo en canto ás expectativas laborais da mocidade.
Por parte do equipo directivo fixeron énfase en que a tesoirada da Xunta non está xustificada do punto de vista da evolución das matrículas durante os últimos 10 anos, e que
os recortes significan liquidar un modelo de éxito que ven conseguindo numerosos premios durante todos estes anos. A educación de adultos, algún ciclo, numerosas optativas, a aula de convivencia, a biblioteca, as gardas.... todo o modelo do centro vai ser duramente castigado.
Desde o BNG queremos salientar a importancia radical que un ensino público de calidade ten para o desenvolvemento de calquer territorio, e denunciamos a hipocrisía do Partido
Popular que ao mesmo tempo que fala de crise demográfica e de lexislatura do rural, recorta precisamente naqueles servizos públicos con maior capacidade para fixar
poboación nos territorios.
En consecuencia ven de presentar unha proposición non de lei demandando á Xunta a anulación das medidas comunicadas ao IES PUNTA CANDIEIRA da vila de Cedeira.