O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para a reactivación industrial das Pontes
A Xunta debe implicarse directamente co futuro das Pontes con consignacións orzamentarias
A portavoz municipal do BNG no Concello das Pontes, Carmela Franco, xunto co concelleiro Quico da Silva, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, anunciaron as emendas presentadas aos orzamentos da Xunta centradas nun obxectivo moi claro, a reactivación industrial das Pontes.
Con este obxectivo desde o BNG lanzan varias propostas que sen dúbida significarían un impulso decidido a esa reindustrialización e que ao mesmo tempo cumprirían con un segundo obxectivo, que As Pontes deixe de ser unha referencia na produción de electricidade barata para ser tamén referencia nas tecnoloxías de almacenamento enerxético, que como é sabido van ser a chave de todo o proceso de transición enerxética.
Desde o BNG explican que con este obxectivo teñen presentado dúas emendas, unha para a constitución dun Centro para a competitividade e o I+D+i para o almacenamento de enerxía, con unha dotación inicial de 10M€, e outra para o rescate da central térmica tamén para funcións relacionadas co almacenamento enerxético, con unha dotación inicial de 2,5M€.
Unha terceira emenda iría destinada á constitución de outro centro tecnolóxico en outro ámbito da máxima importancia, neste caso centrado na investigación robótica, na intelixencia artificial e na internet das cousas (AIeIT), que loxicamente tamén serviría para atraer empresas de alto valor engadido á localidade.
Unha cuarta emenda está destinada á dotación de chan industrial cos seus correspondentes servizos e subministros básicos, especialmente o da auga.
E finalmente unha aposta clara tamén por uns servizos públicos de calidade que garantan unha atención digna a todas as persoas maiores, dependentes ou crianzas, e a conciliación a das familias.
Desde o BNG fan fincapé en que as promesas da Xunta de Galiza do Partido Popular durante estes anos nunca se concretan en nada real para os veciños e veciñas das Pontes que si que constatamos como pouco a pouco a vila queda sen vida, e que isto exixe un cambio radical nas políticas da Xunta que debe traducirse en partida económicas concretas e executables nos orzamentos que se están a tramitar.