O BNG presenta emendas ao orzamento da Xunta para o Concello de Moeche

Moeche emendas Bea e Cris
Moeche emendas Bea e Cris
A Xunta non asume as súas competencias no rural e os orzamentos son a expresión deste abandono
O BNG presenta emendas ao orzamento da Xunta para o Concello de Moeche

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, xunto coa concelleira Cristina García e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentaron as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para este concello diante do centro de ensino de Moeche, o CEIP San Ramón.

O espazo elixido é ben acaído xa que este centro educativo que leva ao redor de 10 anos agardando que a Xunta realice unhas reparacións absolutamente necesarias, como a da cuberta, de uralita con amianto, que está moi deteriorada causando danos no resto do inmoble. A alcaldesa Bea Bascoy lembra que o Pleno do concello aprobou en varias ocasións por unanimidade demandar da Xunta de Galiza a súa reparación, a primeira vez que se aprobou foi por proposta do BNG, “aínda estabamos nós na oposición e reiterámolo en xuntanzas coa xefatura territorial”.

Os veciños e veciñas do rural precisan de servizos públicos básicos, educación, sanidade, mobilidade, ámbitos nos que o BNG centrou as súas emendas aos orzamentos da Xunta, dirixidas precisamente a mellorar a asistencia sanitaria, primaria e pediátrica, á reforma e reparación do centro de ensino e a garantir unha mobilidade racional e sobre todo funcional para os concellos do rural, con tren e transporte por estrada.
Un ano máis tampouco figura nos orzamentos da Xunta previsión ningunha para solucionar o problema da curva do río Xuvia na área recreativa, malia ter existido fondos europeos especificamente para obras deste tipo que a Xunta non solicitou. O BNG presentou de novo unha emenda aos orzamentos para que a Xunta faga esta obra con recursos propios. E tampouco hai espazo nos orzamentos da Xunta, un ano máis, para aproveitamento do solo industrial, de carácter privado, co que conta Moeche nin sequera para colaborar na progresiva rehabilitación do recinto feiral de carácter comarcal.
 
Outras emendas tamén presentadas teñen a ver coa ampliación do recinto cabalar e máis co mantemento do Castelo. “Vivir no rural sería unha marabilla se a Xunta asumise as súas competencias”, así de rotunda se mostrou a alcaldesa nacionalista para manifestar o que debe ser unha prioridade do próximo goberno galego, e da que agarda sexa a futura presidenta da Xunta, Ana Pontón, como mellor aliada para comezar a recuperar o tempo perdido durante estes 14 anos de goberno do Partido Popular.
 
O BNG presenta emendas ao orzamento da Xunta para o Concello de Moeche