O BNG pregunta no Parlamento Galego pola implicación da Xunta de Galiza na erradicación da praga de moscas do Val (Narón)
Durante os 2 últimos anos veñen producíndose pragas de moscas na parroquia do Val, no Concello de Narón. A causa pola que se producen estas pragas descoñécese. Prodúcense dun xeito intermitente, variando a duración, e mesmo os lugares. E aínda que sobre todo se producen nos meses de verán ultimamente están aparecendo de novo.
A intensidade da presencia das moscas é tal, cando se producen as pragas, que impide a realización dunha vida normal nas casas afectadas, sen entrar a valorar problemas de saúde pública que poidan estar relacionadas coa causa ou foco da praga, ou que poidan chegar a producise como consecuencia da presencia desmesurada das moscas.
Desde a asociación de veciños e veciñas teñen instado reiteradamente a actuación dos responsábeis municipais, sen que até o de agora desde o Concello de Narón puideran aclarar as causas nin ofrecer solucións, mais insistindo sempre na responsabilidade da Xunta de Galiza.
Por todas estas razóns, o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentou unha pregunta para resposta oral en comisión que deberá contestar o goberno galego, interesándose pola opinión da Xunta sobre a titularidade das competencias, sobre nivel de coñecimento, dos medios, e da implicación da Xunta de Galiza na solución deste problema, e chamando, en todo caso, a unha colaboración urxente e eficaz entre administracións para erradicar a praga.