BNG pide información sobre o barco chinés fondeado na Ría de Ares

Néstor Rego
Néstor Rego

Demanda concretar a carga perdida, os perigos para a navegación e pesca e as medidas para a reparación do buque

BNG pide información sobre o barco chinés fondeado na Ría de Ares

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou no día de onte unha iniciativas na que formula varias preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas á perda de carga do mercante chinés “Shang De Wu Yi Shan”. Lembra o BNG que o pasado día 6 de decembro o mercante –que transportaba grúas pórtico para mover contedores nos portos de Bremen a Tailandia- pedíu a Salvamento Marítimo un lugar de refuxio debido ao forte temporal, indicándoselle que se dirixise á ría de Ares. 

Debido ás condicións meteorolóxicas adversas, a carga que transportaba en cuberta fora desprazada e parte dela caeu ao mar; indicando o capitán primeiro que a perda producírase a 2,2 millas do Porto Exterior de Ferrol; mais recoñcendo posteriormenteque perdera outra a unhas 88 millas do Cabo Ortegal. A estrutura metálica que caeu preto do porto exterior situaríase, segundo aproximacións de Mariña Mercante, a uns 65 ou 69 metros de profundidade polo que, a priori, non debería de supor obstáculo para a navegación, mais sí para a pesca.

Segundo o BNG “ a capitanía da Coruña está a realizar un control do buque fondeado na ría de Ares mentres que Mariña Mercante asegurou que o barco continuará na ría por razóns de seguridade mentres non retiren as estruturas metálicas que colgan da cuberta e non acrediten a súa estabilidade. Se non cumpre con esas premisas, as autoridades portuarias indicaron que non poderá trasladarse ao porto de Punta Langosteira para se someter a unha nova inspección, requisito obrigatorio para poder reanudar viaxe cara ao seu destino”

Capitanía Marítima tamén aclarou que se se superan todos os requisitos, só se permitiría a mobilidade do mercante ao Porto Exterior de Langosteira de día, en condicións meteorolóxicas favorábeis e escoltaro por un remolcador e un práctico a bordo durante a manobra; mais desde o BNG compártese a preocupación da forta pesqueira artesanal “que teme que esta carga afecte ás áreas de pesca e interfira cos aparellos pesqueiros; xa que o propio Salvamento Marítimo avisou a navegantes polos posíbeis riscos, nomeadamente as redes de pesca, e existen serias dúbidas sobre a canditade da carga que desprendeu e caeu ao mar. Na cuberta do mercante quedaron máis grúas, algunhas destrozadas; aínda que segundo a información coñecida pola prensa apúntase a dúas grúas, pero non hai confirmación oficial sobre a cantidade de estruturas que transportaba e onde se localizan as perdidas no mar”

Ao fío desta situación, o BNG formula as seguintes preguntas:

Pode o Ministerio aportar información precisa sobre a solicitude do mercante chinés “Shang De Wu Yi Shan” a Salvamento Marítimo o pasado 6 de decembro dun lugar de refuxio debido ao forte temporal?

Requiriu Salvamento Marítimo información ao capitán do buque sobre a carga e o estado do barco antes de indicarlle a Ría de Ares como zona de refuxio?

Unha vez fondeado o buque na Ría de Ares, que controis e inspeccións levou a cabo?

Cal é a información oficial e comprobada sobre a carga do mercante? Cantas grúas de pórtico se desprenderon ao mar? Coñece Mariña Mercante cos lugares exactos nos que caeu a carga ao mar? De ser así, onde?

En que zona próxima ao Porto exterior de Ferrol caeu a estrutura metálica da carga? Afecta á navegabilidade dos barcos? Pode afectar á actividade pesqueira á hora de tirar as redes?

Vaise obrigar aos propietarios do buque e da carga a retirar a estrutura metálica pola perigosidade para a pesca? Non cre que é necesario por ser unha zona sensíbel de paso dos barcos pesqueiros?

Entregou o propietario do mercante o estudo de  estabilidade actualizado e un plan para se desfacer das estruturas que colgan polos costados do buque?

Cando prevé que o buque poida trasladarse ao Porto Exterior de Punta Langosteira?

BNG pide información sobre o barco chinés fondeado na Ría de Ares