O BNG levará ao Parlamento Galego as queixas das persoas usuarias da residencia de Ortigueira
Unha representación do BNG mantivo unha reunión cos delegados da residencia Dolores Díaz de Dávila
“Pasamos máis fame que na guerra”. Deste xeito tan expresivo resume a súa situación unha das persoas usuarias da residencia e centro de día Dolores Díaz de Dávila, do Consorcio galego de igualdade e benestar no Concello de Ortigueira.
O comedor deste centro da servizo a unhas 50 persoas, todas de idade avanzada e a maioría con un elevado nivel de dependencia, o que lles impide exercer o seu dereito á protesta en primeira persoa. É por isto que nas reunións que celebran habitualmente no centro decidiron delegar esta tarefa en algunha das persoas máis independentes.
Quéixanse do mal estado da comida que serven no centro, que segundo o sistema decidido polo Consorcio é subministrada por unha empresa de cátering unha vez á semana, os martes, e que ademais consta dun menú que se repite semana tras semana.
As queixas chegaron ao Concello e ao propio Consorcio por medio de diferentes cartas, e chegaron tamén a toda a sociedade comarcal a través dunha carta aberta publicada en prensa.
O Alcalde, do Partido Popular, di que o servizo é susceptíbel de mellora, mais na votación dunha moción en pleno na que se pedía que se mellorara ese servizo decidiu absterse, case con toda certeza para non amolar aos superiores de San Caetano, ou directamente seguindo as súas instrucións.
De feito, a dirección do Consorcio en resposta a unha das cartas enviadas pola representación das persoas usuarias da residencia, denegaba as súas peticións, que basicamente eran poñer a funcionar a excelente cociña coa que conta o centro, perfeitamente equipada, alegando razóns de seguridade alimentaria así como os constantes controis de calidade que, polo que explica a misiva, parece que realiza a propia empresa concesionaria.
As persoas usuarias reclaman a posta en funcionamento da cociña do centro o que lles proporcionaría unha comida feita a diario e de KM 0, como único xeito de garantir realmente a calidade do servizo e de promover a economía local.
O caso é que, segundo esta representación escollida dun xeito informal polas persoas usuarias, os pratos “van de volta como veñen” por resultar incomestíbeis, e de aí a fame que pasan, algo que non debería acontecer en ningún servizo público e menos aínda neste de carácter básico, que consiste nada máis e nada menos que na alimentación que o goberno galego proporciona ás persoas maiores nos centros de titularidade pública destinados á súa atención.
A responsábel do BNG de Ortigueira, Fani Pérez, o portavoz municipal, Marco Schaal, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, mantiveron unha reunión coa representación das persoas usuarias do centro e se comprometeron a presentar unha batería de iniciativas demandando esa posta en marcha da cociña e unha mellora do servizo de comedor.