O BNG LEVARÁ AO PARLAMENTO GALEGO OS DESPEDIMENTOS DO CAPD SOUTO DE LEIXA
A situación no Centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa, titularidade da Xunta de Galiza, non deixa de dexenerar. A última novidade o despedimento de 3 persoas entre as que se atopa un integrante do comité de empresa, unha actuación da dirección da empresa que constitúe unha represalia evidente polas queixas e denuncias presentadas desde este organismo.
E unha actuación que para alén do prexuízo para as persoas afectadas significa continuar no deterioro da atención ás persoas residentes no centro reducindo un persoal xa escaso que nin sequera cumpre os mínimos esixidos polo prego de contratación, e continuar no deterioro das condicións laborais do persoal en activo que ve aumentada a súa carga de traballo e sobre todo a presión psicosocial por causa dunha actuación da dirección evidentemente arbitraria e inxusta.
As queixas das familias das persoas residentes, e mesmo do cadro de persoal, veñen sendo continuas desde o inicio da xestión privada do centro, queixas das que nos temos feito eco no Grupo parlamentar do BNG a través de diferentes iniciativas para recuperar o centro para a xestión pública ou para que o Consello de Contas incorpore unha fiscalización do cumprimento do contrato de concesión no seu plan de traballo para este ano 2023.
Todas estas iniciativas foron vetadas polo Partido Popular evidenciando a súa entrega aos intereses ás grandes empresas concesionarias dos servizos públicos por enriba dos intereses e mesmo dos direitos fundamentais das persoas ás que debe servir o goberno e as administracións públicas, con especial gravidade no caso do Centro Souto de Leixa destinado a atender ás persoas máis vulnerábeis da nosa sociedade, aquelas que non poden defenderse por si propias, e que polo tanto deberían ser obxecto dunha atención moito máis dilixente do que a empresa concesionaria e tamén a Xunta de Galiza como titular están a proporcionarlles.
O BNG ven de rexistrar no Parlamento Galego unha batería de iniciativas para que a Xunta interveña neste novo conflito instando o cese das represalias e a readmisión do persoal despedido.