A RESPONSÁBEL COMARCAL DO BNG, PILAR LOZANO, E O DEPUTADO NO PARLAMENTO GALEGO, MON FERNÁNDEZ, REUNÍRONSE COA ANPA DO CENTRO EDUCATIVO
O BNG levará ao Parlamento Galego as demandas da ANPA do centro Concepción Arenal de Ferrol
O IES Concepción Arenal é o centro educativo con máis historia da cidade de Ferrol, de feito en poucos anos vai conmemorar os 100 anos da súa existencia, aínda que é desde mediados dos anos 50 do século pasado que ocupa o edifico onde se atopa na actualidade.
Durante estes anos o centro foi obxecto de diversas reformas de maior ou menor envergadura, mais na actualidade presenta xa diferentes patoloxías graves que esixen dunha reforma en profundidade, así como o ampliación do actual espazo onde realizar educación física, que desde o aumento das horas lectivas nesta materia resulta insuficiente até o punto de, cando chove, ter que practicar esta materia nos corredores do centro.
En xaneiro 2023, o conselleiro de educación en resposta a unha pregunta do BNG, dicía que estaba pendente de recibir un informe elaborado pola unidade técnica da xefatura territorial, e que sería ese informe o que establecería as prioridades e as solucións, entre as que debería estar a solución para as aulas de educación física, xa que calquera das alternativas, cubrir unha pista, ou ampliar o actual ximnasio implican actuacións que tocan a patrimonio.
O pasado 9 de decembro do 2023 o Alcalde e o Conselleiro de Educación comprometeron que esta actuación formaría parte do novo plan de arquitectura pedagóxica, anunciando que comezarían os trámites no 2024 sin que exista avance ningún desde aquela.
De feito, aínda este mes de maio do 2025 a ANPA do Concepción Arenal saía publicamente a denunciar que malia os compromisos do Conselleiro, seguen sen saber cal é a alternativa elixida pola Xunta nin cando se poñerán en marcha.
O BNG levará ao Parlamento Galego unha iniciativa demandando que se inicien os trámites neste mesmo 2025, nos termos que recentemente aprobou o Concello de Ferrol por unanimidade.