O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO A RETIRADA OU SOTERRAMENTO DAS LIÑAS DE ALTA TENSIÓN DO BARRIO DE SAN VALENTÍN
No barrio de San Valentín, no Concello de Fene, están situadas dúas torres de alta tensión. Ambas as dúas están situadas nos espazos públicos próximos ao pavillón e ao colexio do barrio, zonas obviamente moi transitadas, e nas que ademais se concentran moitas persoas no seu tempo de lecer, xa que a zona está deseñada precisamente para a esta finalidade, coincidindo alí paseo marítimo, xardín, pistas deportivas exteriores ou parque de xogos infantil.
A preocupación veciñal polos posíbeis prexuízos para a saúde das persoas derivados da presenza e proximidade das liñas de alta tensión é unha constante, mais tamén, como salienta a representación da comunidade educativa, a posibilidade de que por causa de algún temporal se produza a caída de algunha das liñas que sobrevoan o centro educativo e concretamente o espazo onde as crianzas xogan no recreo.
A retirada ou soterramento destas liñas de alta tensión xa foi rexeitada en dúas ocasións polo Partido Popular, votando en contra das emendas que o BNG presentou aos orzamentos do goberno galego para a inclusión desta obra, tanto no actual orzamento do ano 2023, como xa no anterior.
Juventino Trigo e Sandra Permuy, reuníronse co deputado comarcal do BNG, Mon Fernández, e manifestaron que agardan un cambio na posición do Partido Popular sobre esta problemática en beneficio de toda a veciñanza do barrio, en beneficio da seguridade e da calidade vida que preside a súa actuación desde o goberno municipal, mais que precisa dunha colaboración leal e eficiente por parte de todas as administracións públicas.
Neste sentido agardan que o debate do día 12 signifique un punto de inflexión para o barrio de San Valentín.