O BNG insta á Xunta a rescatar primeiro e logo recuperar: axudas directas aos sectores danados e estratexia de país na reactivación

foto Ramón Mon Fernández
Mon Fernández no Parlamento de Galiza

Mon Fernández defende a participación pública en sectores estratéxicos e unha banca galega para impulsar un novo modelo económico e saír da crise  

O BNG insta á Xunta a rescatar primeiro e logo recuperar: axudas directas aos sectores danados e estratexia de país na reactivación

No contexto de crise económica provocada pola pandemia, o BNG insta ao Goberno galego a afrontar “primeiro o urxente e despois o importante: primeiro rescatar e despois reactivar” ou, aplicado á grave situación que padece Galiza, “primeiro axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e despois unha estratexia de país para impulsar un novo modelo económico máis sólido e máis cohesionado socialmente”.

Así o reclamou o portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, quen afeou no Parlamento galego ao vicepresidente segundo da Xunta unha xestión “de costas á xente, completamente virado para os intereses das grandes empresas”, mentres que “os pequenos desaparecen”. Neste sentido incidiu en que sectores como a hostalería, o pequeno comercio, as axencias de turismos ou a cultura non poden saír da crise “en base a proxectos”. “Non teñen capacidade a día de hoxe para transformarse e, moito menos, para endebedarse: precisan de axudas directas para sobrevivir”, subliñou, logo de reclamarlle ao Executivo galego “un auténtico plan de rescate da nosa economía”.  

Fernández recriminou ao Goberno de Feixóo que Galiza xa sufría unha profunda crise antes da pandemia e que nos últimos meses non quixo ter nada que ver con ningún dos numerosos problemas que asolan o país. “Desaparecido da crise de Alcoa, da das Pontes e Meirama, da de Siemens-Gamesa, da de Navantia, da de Noa Madera, da de Xeal, da de Madera Iglesias, da de Thenaisse, da de Vulcano e da de Barreras”, enumerou. “A industria desaparece do mesmo xeito que desapareceu do rótulo do seu departamento”, criticou.

Logo de recalcar que é preciso unha saída xusta e galega da crise, o portavoz de Industria propuxo unha estratexia de país baseada na complicidade necesaria entre todos os sectores co obxectivo de sacar o máximo proveito posible de “todas as nosas potencialidades e recursos, sexan económicos, industriais, enerxéticos ou culturais”. No marco desta estratexia, apostou por promover un tecido industrial sólido e diversificado, para o que considerou preciso contar cunha banca propia. “Contar con entidades financeiras galegas non só significa maiores posibilidades de crédito, senón un aliñamento cos intereses xerais comúns”, explicou.

De igual xeito, tamén apuntou á necesidade de reabrir o debate sobre a participación da Xunta en determinadas empresas ou sectores estratéxicos, “achegando financiamento e estabilidade, ao tempo que gañamos influencia na gobernanza e o cumprimento dos obxectivos das empresas”. Segundo subliñou, “debemos priorizar o investimento nos osos sectores produtivos fronte, por exemplo, ás infraestruturas” e, nesta liña, reclamou investimentos produtivos en setores chave como o sector enerxético.

Neste ámbito de actuación, lembrou distintas propostas do Bloque xeradoras de valor, como a creación dunha empresa galega de enerxía, a dun Centro de I+D+i do almacenamento de enerxía nas Pontes, as axudas a fondo perdido para instalacións de autoconsumo ou o desenvolvemento dun marco regulador que promova o asentamento de proxectos industriais vinculado á instalación de parques eólicos. De igual xeito pediu un plan galego para o sector naval con participación pública ou pechar os ciclos produtivos no país de sectores como o da alimentación, a pedra ou a madeira.   

“Nós apostamos por valorizar o país, por aumentar e enriquecer o patrimonio colectivo de todos os galegos e galegas; o seu plan para Galiza, en cambio, é vendela a prezo de saldo”, concluíu.

O BNG insta á Xunta a rescatar primeiro e logo recuperar: axudas directas aos sectores danados e estratexia de país na reactivación