“SE FALAMOS DA CONSERVACIÓN DA BIODIVERSIDADE, A CONSELLERÍA SUSPENDE CUN CERO VERGOÑENTO. O EUCALIPTO OCUPA 1.340 HA, O 13% DA SUPERFICIE TOTAL”
O BNG esíxelle á Xunta de Rueda que cumpra a súa propia lei e pague prezos xustos aos propietarios das Fragas do Eume
Santiago de Compostela, 3 de decembro, 2025. Pleno. O deputado do BNG, Xosé Manuel Golpe acusou o Goberno do PP de incumprir a súa propia lei nas Fragas do Eume e reclama prezos xustos, compensacións e un parque con vida. Ademais, púxolle un “cero vergoñento” á Consellería pola nefasta conservación da biodiversidade do que hoxe é un dos bosques atlánticos máis valiosos de Europa, onde na actualidade, a superficie de eucalipto ocupa 1.300 ha, o 13% do total.
Reclamoulle á conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que reciba de inmediato as asociacións de propietarios das Fragas do Eume, coas que se comprometera a se reunir o pasado 10 de xuño, e que escoite as súas demandas “con vontade de acordo”.
O deputado nacionalista explicou que en 1996 a Xunta declarou Parque Natural case 10.000 hectáreas, máis do 80% de propiedade privada, sen contar coa veciñanza nin acadar consenso, limitando os usos das fincas sen ofrecer ningunha compensación polos dereitos restrinxidos. “Iso chámase expropiación sen indemnización”, advertiu, lembrando que os propietarios non están contra o parque natural, senón contra a falta dunha compensación xusta pola protección que se lles impón.
Golpe acusou o PP de incumprir a súa propia Lei de Parques Naturais de Galicia e o Plan Rector de Usos e Xestión(PRUX) das Fragas do Eume, que recolle explicitamente que, cando existen limitacións de uso e diminución de rendibilidade, a Xunta ten a obriga de pagar alugueiros, compensacións económicas ou comprar os terreos a prezo xusto. “Vostedes crearon a lei e vostedes incúmprena reiteradamente”, reprochoulle á titular de Medio Ambiente.
Na súa intervención, o deputado do Eume cualificou de “irrisorios” os prezos de compra que hoxe ofrece a Xunta, arredor de 0,70 €/m², fronte ás contías que se abonan noutros parques do Estado, onde se pagan entre 1.500 e 3.000 euros por hectárea, e puxo como exemplo o caso de Doñana, onde o Estado chegou a ofrecer 70.000 euros por hectárea en axudas a dez anos para que os agricultores deixasen de cultivar. “Non considera vostede que os propietarios das Fragas do Eume merecen o mesmo trato?”, preguntou á titular da Xunta.
Golpe salientou tamén que non todos os propietarios queren vender, senón que moitos demandan poder permanecer e traballar nas súas fragas, con “liberdade asumible” pero con compensacións anuais polas perdas de renda derivadas da protección. “Hai dereito a permanecer, a explotar a propiedade con responsabilidade e con compensación xusta”, defendeu.
O deputado do BNG denunciou que, segundo os datos da propia Consellería, até o de agora só se mercaron arredor de 100 parcelas cunhas superficie de 110 hectáreas, por algo máis de 640.000 euros, o que supón unha media de 0,58 €/m². Ao mesmo tempo, advertiu de que nos orzamentos da Xunta non aparece consignado nin un euro específico para o Parque Natural das Fragas do Eume, ao tempo que a consellería ve reducida a súa dotación global. .
Golpe cualificou de “esmola” os 8,5 millóns de euros previstos no PRUX para dez anos, cando se descontan os gastos de persoal, e considerou imposible promover un cambio real nos usos e aproveitamentos do Parque sen incrementar de maneira substancial a dotación económica e o persoal dedicado á xestión. “É máis fácil dicir que non hai cartos e deixar que podreza no abandono”, expresou.
Abandono do patrimonio cultural
Golpe puxo o foco tamén no abandono do patrimonio cultural dentro do parque. Lembrou que o mosteiro de Santa María de Monfero, Ben de Interese Cultural, está en parte derruído e devorado pola vexetación, e que capelas medievais, hórreos, corripas e outros elementos que conforman o patrimonio inmaterial das Fragas están desaparecendo sen intervención da Xunta. Afeoulle á Xunta que esta antepoña subvencións a particulares mentres o parque “cae en ruínas”.”Priorizan o voto diante da protección patrimonial”, criticou.
Como medidas urxentes, o deputado do BNG propuxo calendarizar as compras de terreo a prezos reais de mercado, con mínimos por hectárea pactados e criterios de valoración transparentes; artellar un sistema de aluguer anual xusto para quen queira ceder o uso; e garantir que aqueles propietarios que desexen permanecer poidan explotar as súas fragas con autorizacións claras, revisables e compensacións anuais polas perdas de renda.
Por último, o deputado nacionalista tamén denunciou o abandono ao que a consellería somete o parque natural, esquecendo a construción de novas infraestruturas contra dos lumes. "Non se manteñen as vías de acceso, non se constrúen novos pozos de auga para as motobombas. Como veña outro incendio como no 2012, quedamos sen parque", advertiu.
“As Fragas do Eume deben ser un parque con vida, con xente que viva e traballe nel, e non pode vivir só do turismo e de fotos. “Se vostedes queren realmente conservar as Fragas, teñen que respectar os que as crearon, os que as coidaron e os que herdaron ese coñecemento. Cando a lei e a dignidade falan, a Xunta ten que escoitar”, concluíu.