O BNG RECLAMA DA XUNTA A EXECUCIÓN INMEDIATA DAS OBRAS DA VÍA DE ALTA CAPACIDADE ASÍ COMO O IMPULSO DAS PROXIMIDADES FERROVIARIAS PARA REMATAR COA INCOMUNICACIÓN DO ORTEGAL E DOS CONCELLOS DE PASO
BNG denuncia a incomunicación da comarca do Ortegal e exixe medidas inmediatas
Ortegal 3 de novembro de 2025. Representantes do Bloque Nacionalista Galego denuncian o “abandono absoluto” da comarca do Ortegal por parte da Xunta, que continúa incumprindo os prazos de construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, así como a negativa a reclamarlle ao estado a transferencia da liña ferroviaria de ancho métrico (antiga FEVE) para impulsar un servizo de tren de proximidade que debería ser o principal eixo de mobilidade entre Ferrol e a comarca do Ortegal conectando todos os concellos de paso.
A responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, xunto co alcalde de San Sadurniño,Secundino García, a alcaldesa de Moeche, Bea Bascoi, os portavoces municipais do BNG en Ortigueira, Cariño e As Somozas, así como os deputados no Parlamento Galego, Mon Fernández e X. M. Golpe, anunciaron a presentación dunha batería de iniciativas coas principais demandas da formación nacionalista para a conexión da comarca do Ortegal como primeiro paso necesario para garantir a igualdade de dereitos da cidadanía destes concellos, “a mobilidade condiciona todo”, manifestan, “o emprego, a educación, a saúde, a economía..., o goberno galego ten que garantir a igualdade de dereitos dos veciños e veciñas dos concellos do Ortegal”.
Outros territorios apostan polo ferrocarril de proximidade como principal eixo vertebrador pola súa funcionalidade, custos e impacto ambiental, mentres a Xunta de Galiza rexeita asumir e xestionar a actual infraestrutura no canto de reivindicala e potenciala, “non se entende que dispoñendo da infraestrutura o Goberno Galego consinta na ruína progresiva deste servizo básico, máis aínda cando é incapaz de dar alternativas”.
O atraso inxustificado das obras da VAC iniciadas no ano 2009, e a falta dun servizo de transporte público por estrada, son dous factores moi relacionados entre si que completan a tripla marxinación do Ortegal.
“Desde o BNG non vamos parar até que a mobilidade entre Ferrol e Ortigueira sexa unha prioridade política ineludíbel para a Xunta de Galiza, o Partido Popular non vai poder seguir virado de costas diante desta situación”, anuncian as portavoces da formación, que levarán diferentes mocións neste sendo a todos os concellos do territorio así como iniciativas ao Parlamento.