O BNG denuncia a complicidade da Xunta con Monbus para recortar servizos de transporte e precarizar as condicións de traballo do persoal
Despois da acción realizada o luns reivindicando un tren de proximidade do século XXI, o BNG denuncia que a empresa MONBUS acapara todos os diferentes servizos de transporte que a Xunta concesiona na comarca de Ferrol. Neste sentido, o deputado do BNG Paulo Ríos –responsábel de mobilidade dentro do grupo parlamentario- denunciou hoxe en Ferrol que a Xunta “adxudicou á devandita empresa as liñas regulares de transporte de viaxeiros, transporte escolar, e transporte adaptado para persoas usuarias dos centros de día do Consorcio Galego, servizos prestados por diferentes departamentos da Xunta: mobilidade, educación e política social, o que delata unha política claramente dirixida a favorecer á empresa MONBUS”
Segundo o deputado do BNG pola comarca Ramón Fernández “Mon”; “en todos os casos existe un común denominador: a precarización do servizo e das condicións de traballo do persoal, incumprindo tanto a normativa laboral aplicábel como os propios pregos de concesión, incumprimentos reiterados e coñecidos que delatan a necesaria complicidade da Xunta”
Co obxecto de analizar esta situación, os dous deputados nacionalistas reuníronse cos representantes da CIG Transporte que veñen de presentar denuncia ante inspección de traballo por causa dos incumprimentos das condicións de traballo do persoal. Os representantes sindicais trasladaron a súa preocupación pola implicación activa da Xunta de Galiza na constitución de facto dun monopolio no sector a favor da empresa MONBUS, que ben directamente ou a través de pequenas sociedades do grupo, gaña cada ano que pasa máis e máis concesións, sempre en detrimento das condicións de traballo do persoal e da calidade do propio servizo.
Os parlamentarios do BNG fixeron fincapé na “reivindicación do transporte colectivo como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades tanto sociais como territoriais, e se preguntan se a conivencia do PP e da Xunta coa inexistencia dun tren a altura do século XXI, non será outra das moitas mostras de favorecer os intereses da empresa MONBUS”
A este respeito, o BNG presentará no Parlamento Galego –asumindo tamén a reivindicación da plataforma de usuárias do transporte na nosa comarca- diferentes iniciativas para solicitar a recuperación de liñas e a prestación dun servizo de calidade, así como para esixir que a Xunta fiscalice o correcto cumprimento da normativa laboral de aplicación.