O BNG demanda á Xunta “un proceso público, transparente e con garantías” para o concurso de transición xusta de As Pontes
O BNG esixiu hoxe na Cámara a convocatoria inmediata dun concurso de transición enerxética xusta para As Pontes con todas as garantías fronte a política de anuncios sen concreción específica do Goberno do PP.
“Porque o que estamos a ver é todo o contrario dun proceso público, transparente, con garantías, e pensado ou condicionado polo que poida ser máis beneficioso para a sociedade e para o territorio. É xusto o contrario” denunciou o portavoz de Industria, Ramón Fernández. Criticou que, a día de hoxe, a cidadanía “non saiba con certeza cantos proxectos existen” para esta vila e sinalou as contradicións dun PP que apoia ao mesmo tempo dous proxectos “incompatibles” entre si: a proposta de instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo en As Pontes. “Cal dos dous proxectos escolle a Xunta? Con que criterios? Dúas non pode haber”, inquiriu o deputado do BNG.
O deputado ferrolán emprazou á Xunta a dar información do “estado actual” dos procesos anunciados para As Pontes, tendo en conta, sinalou, o anuncio de Rede Eléctrica, propietaria das redes de transporte eléctrico a nivel estatal, de que a capacidade de acceso dispoñible neste municipio “é de 0”. “En que medida este anuncio condiciona os proxectos?”.
Fernández advertiu das opinións das persoas expertas que puido recoller o BNG, nas que se sinala que “a falta de acceso á rede eléctrica podería facer inviábel económicamente a produción de hidróxeno renovable en As Pontes. Toda a información que temos ao día de hoxe implica ter cautela”, sinalou.
O portavoz de Industria defendeu, ademais, que é necesario “un retorno” económico á poboación que soporta “a construción de grandes instalacións de xeración cun grande impacto ambiental, social e paisaxístico”, ademais dunha participación da poboación “en todo o proceso”.
O contrario disto, sinalou o parlamentario nacionalista, “non é política liberal, é dimitir das súas competencias”. Fronte á demanda de información do BNG, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, evitou posicionarse respecto da convocatoria do proceso público e sobre cal dos dous proxectos para a instalación de centrais hidroeléctricas de bombeo apoia a Xunta, nin aclarou como afectará ao proxecto de produción de hidroxeno verde a falta de acceso á rede eléctrica.