O BNG demanda a limpeza e restauración do Porto de Mugardos

Mon Fernández no Parlamento Galego
Mon Fernández no Parlamento Galego
O BNG demanda a limpeza e restauración do Porto de Mugardos
O GP do BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento Galego demandando a limpeza e restauración da ribeira da zona portuaria no concello de Mugardos. Cómpre lembrar que a mellora da integración do Porto de Mugardos na súa contorna municipal e social, a relación co mar e a dinamización da actividade económica aproveitando o potencial da fachada marítima do Concello, foi obxecto dun convenio entre o ente Portos de Galiza e o Concello de Mugardos no ano 2004.

Segundo figura na exposición de motivos da iniciativa parlamentar “o resultado dese convenio ten sido valorado moi positivamente por toda a sociedade mugardesa, que puido constatar efectivamente e durante moitos anos, como as obras de acondicionamento realizadas serviron de impulso para a zona e para todo o Concello”

Os asinantes da iniciativa -os deputados do BNG pola comarca Xosé M. Golpe e Mon Fernández-  fan fincapé en que “nos últimos tempos o desleixo por parte da Xunta de Galiza está a provocar un deterioro moi evidente e mesmo perigoso das condicións nas que se atopa a ribeira da zona portuaria, unha ribeira de fácil acceso e moi próxima a múltiples locais de hostalaría, transformando o que debera ser o principal atractivo e obxecto de especial coidado nunha fonte de continuas queixas por causa da acumulación de lixo, residuos, e mesmo embarcacións totalmente deterioradas que constitúen un perigo”

Ao fío desta situación, o BNG demanda na súa iniciativa o seguinte acordo do Parlamento Galego
“O Parlamento de Galiza insta a Xunta a realizar as actuacións de limpeza, retirada de residuos e embarcacións estragadas, e todas aquelas outras necesarias para restaurar e poñer en valor a ribeira da zona portuaria do Concello de Mugardos.”
O BNG demanda a limpeza e restauración do Porto de Mugardos