OS ATRASOS ACUMULADOS E A FALTA DE REFORMAS DAS INSTALACIÓNS PON EN PERIGO A INTEGRIDADE DE DOENTES E PERSOAL
O BNG DEMANDA DA XUNTA UN PLAN ESPECIAL PARA GARANTIR A SEGURIDADE DAS INSTALACIÓNS DO ARQUITECTO MARCIDE
A Propaganda do Partido Popular xa non é quen de agochar os dramáticos efectos que os seus continuos recortes teñen sobre o noso sistema público de saúde, e o Teito de gasto orzamentario aprobado en solitario polo Partido Popular no día de onte manifesta a súa aposta suicida por un sistema de financiamento que non garante unha correcta prestación dos servizos públicos básicos.
Despois de varios accidentes no Hospital materno infantil de Ourense por desprendimentos de teitos en mal estado (o último en marzo deste ano 2025), ven de repetirse un caso semellante no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol o pasado día 4 de agosto.
O accidente causou feridas á persoa que estaba ingresada no habitación 510 do hospital, unha das habitacións antigas que levan anos agardando pola súa reforma.
Os teitos destas habitacións teñen unha antigüidade de 50 anos e nunca foron reformados en profundidade malia a acumulación de avatares que evidentemente foron deteriorándoos, poñendo en risco a seguridade das persoas doentes e do persoal traballador.
Esta habitación, igual que outras moitas no mesmo estado, están situadas xunto as obras de construción dos novos edificios, e polo tanto están sometidas a continuas vibracións, por ocasións moi fortes segundo relata o persoal sanitario.
O atraso nas obras do actual Plan director, sen medidas corretoras, e o acontecido no Hospital materno infantil de Ourense, onde os accidentes se repiten sen que a Xunta faga nada, delatan un abandono do sistema público de saúde por parte da Xunta do Partido Popular que non pode ser tolerado.
Por esta razón o deputado do BNG no Parlamento Galego, Mon Fernández, ven de presentar unha batería de iniciativas demandando da Xunta “poñer en marcha de xeito inmediato un Plan especial para corrixir a demora acumulada nas obras do Plan director así como a reforma das instalacións máis vellas e deterioradas, a comezar por aquelas que supoñan risco inminente para as persoas doentes usuarias e para o persoal traballador do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol”.
A batería inclúe as seguintes preguntas para resposta oral e escrita por parte da Xunta:
1. Cales foron as causas técnicas do desprendimento do teito nunha habitación do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol?
2. Como se atopa a persoa que resultou lesionada polo desprendimento do teito?
3. Que medidas vai tomar a Xunta de Galiza para evitar que poidan repetirse accidentes coma este?
4. Cantos anos de atraso acumulan as obras do Plan director para a modernización e ampliación do CHUF?
5. Por que a Xunta de Galiza non pon en marcha ningún plan especial para corrixir os atrasos acumulados e actuar sobre as zonas máis vellas e deterioradas das actuais instalacións?
6. Por que a Xunta de Galiza aposta por un Sistema de financiamento autonómico que segundo o Consello de Contas non garante os medios necesarios para o correcto funcionamento dos nosos servizos públicos básicos?