O BNG celebra o I Encontro de Concelleiras e Concelleiros da Comarca
O BNG comarcal celebrou nesta fin de semana o primeiro encontro de concelleiras e concelleiros, logo das eleccións municipais celebradas o pasado mes de maio, nos que a organización experimentou un importante avance na representación municipal, consolidando as alcaldías de Fene, Moeche e San Sadurniño; entrando a formar parte do goberno municipal de Cedeira, ampliando a representación na maioría dos concellos da comarca e logrando representación en Ortigueira, As Somozas ou Vilarmaior.
Un encontro que tiña por obxecto deseñar a estratexia de traballo na área municipal nos diversos concellos da comarca e fixar as iniciativas que se van desenvolver a curto e medio prazo, partindo da premisa de que os concellos constitúen o primeiro e decisivo chanzo en que o BNG pode desenvolver políticas nacionalistas e verdadeiramente transformadoras, que melloren a vida das clases populares, que contribúan para facer medrar a cohesión social e implicarse na defensa da Galiza, da nosa lingua, da nosa cultura, da democracia e dos dereitos nacionais do noso País.
Partindo desa idea, neste encontro valorouse a necesidade de afrontar, alén das propostas para mellorar a calidade de vida e os servizos no ámbito municipal, iniciativas que superen o ámbito local e afronten propostas que aborden problemáticas que afectan ao conxunto dos concellos do ámbito comarcal: emprego, sanidade, infraestruturas, servizos sociais, etc….Precisamente, nesa liña, o BNG presentou a pasada semana unha moción (aprobada xa en Cedeira, San Sadurniño, Cariño e Ortigueira ) para que os plenos municipais se posicionen ao respecto do caos que está a vivir o transporte na nosa comarca; exixindo da Xunta medidas concretas que garantan un transporte público e de calidade para a veciñanza dos concellos da comarca.
Logo do éxito deste I Encontro de Concelleiras e Concelleiros, a formación frontista comarcal xa está a traballar na celebración das próximas xuntanzas, que terán un carácter máis monográfico para abordar temáticas específicas que xurdiron na reunión.