O BNG de Cedeira presenta varias alegacións aos Orzamentos da Xunta

Emendas BNG Cedeira
Emendas BNG Cedeira
“A reparación do CEIP Nicolás del Río é a nosa prioridade”
O BNG de Cedeira presenta varias alegacións aos Orzamentos da Xunta

Os concelleiros e a concelleira do BNG, Jose Arribe, Noel López, María Pernas e Manoli López xunto co deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, presentaron as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025.

A rehabilitación de vivenda para alugueiro e o saneamento da ría tamén fan parte das emendas presentadas polo BNG ao proxecto de orzamentos, mais o portavoz municipal, Jose Arribe, teno claro: “a reparación do CEIP Nicolás del Río é a nosa prioridade, as crianzas son a nosa prioridade”.

As reivindicacións respeito do centro de ensino non son novas para o BNG, de feito ten iniciativas parlamentarias rexistradas sobre este tema e a propia Portavoz nacional da formación, Ana Pontón, se fixo eco destas denuncias na súa recente visita a Cedeira. 

A situación do centro non deixa de empeorar, loxicamente, por causa do abandono da Xunta do Partido Popular. Trátase dun centro que xa hai 20 anos precisaba de reparacións de calado, até o punto de pensarse na construción dun novo centro.

En todo caso, e mentres ese novo centro non sexa unha realidade, o certo é que o CEIP Nicolás del Río non pode agardar máis por unha actuación en profundidade que resolva os múltiples problemas dos que adoece, ocasionados pola idade do centro, pola climatoloxía, pola proximidade ao mar, e pola falta de atención, e que se traducen en humidades, pingueiras e mesmo en parte dunha zona exterior valizada por risco de desprendemento da fachada. 

A representación municipal do BNG denuncia a discriminación da Xunta ao Concello de Cedeira e poñen a situación do colexio como exemplo.

O BNG de Cedeira presenta varias alegacións aos Orzamentos da Xunta