O BNG apoia á veciñanza que promove a comunidade enerxética de Vilarmaior
O BNG trasladou o seu apoio á veciñanza que promove a comunidade enerxética de Vilarmaior e reitera a súa petición ao alcalde para que o concello apoie esta proposta, como xa lle trasladou á propia asociación que promove este proxecto.
“O goberno local de Vilarmaior ten que poñerse á disposición da veciñanza e o que non pode é negarse sequera a escoitar as propostas que supoñen un beneficio tanto económico como ambiental para o noso concello”, explicou a portavoz do BNG de Vilarmaior, Isabel Golpe.
“Hai meses que estas veciñas e veciños veñen pedindo unha xuntanza co alcalde para recadar o seu apoio e a cesión do dereito para instalar as placas solares en edificios públicos que dependen do concello sen obter resposta ningunha”, engadiu a voceira nacionalista.“
Trátase dun proxecto que vai na liña de facer o noso concello máis sostíbel desde o punto de vista ambiental, cun beneficio evidente para a nosa veciñanza e parécenos lamentábel o desinterese por parte do goberno local neste tema”, concluíu. O BNG trasladará ao próximo pleno ordinario as demandas da veciñanza que promove esta cooperativa enerxética.