O BNG acada a unanimidade do Parlamento para impulsar unha alternativa de futuro á crise industrial das Pontes
O BNG vén de acadar o acordo no Parlamento galego para impulsar novas oportunidades de explotación enerxética e, polo tanto, unha alternativa de futuro á crise industrial que sufre As Pontes logo do anuncio de peche da central de Endesa. A iniciativa nacionalista, á que se incorporou unha emenda do PP, insta á Xunta a dirixirse ao Goberno estatal ca finalidade de condicionar o proceso de peche a que se chegue a un acordo coa representación das e dos traballadores que garanta a continuidade do emprego e proxectos concretos de futuro.
De igual xeito, reclámase condicionar a participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións, concesións e adxudicacións de MW á consecución dun acordo que garanta o emprego do persoal da empresa principal e das auxiliares. A asignación de novas instalacións de produción e enerxías renovables nas Pontes e en toda a comarca conterá, necesariamente, un proxecto de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.
Así mesmo, o acordo parlamentario pide que se garante a implementación de novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición xusta e dos plans Futur-E de Endesa, así o cumprimento tanto dos obxectivos como das diferentes medidas acordadas no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en peche.
En virtude deste consenso, o Executivo galego tamén reclamará ao estatal unha solución de continuidade industrial á central das Pontes, de xeito que se garanta o mantemento dos postos de traballo, non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos do transporte. No texto, tamén se recolle solicitar a convocatoria urxente da Mesa de Traballo para a transición enerxética xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de Endesa, co obxecto de concretar o número de traballadores e traballadoras afectados e a súa garantía de emprego.
Por último, demandarase a implicación e colaboración do Goberno estatal e da Xunta para apoiar conxuntamente os proxectos industriais de reindustrialización necesarios a implantar na localidade para optar aos fondos da UE Next Generation e o avance no Convenio de Transición Xusta para As Pontes co obxectivo de poder completalo canto antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.
O portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, aceptou a emenda do PP, pese a que con ela se evita o compromiso explícito da Xunta para achegar recursos propios na execución de novos proxectos industriais. “A vostedes calquera día os van recibir nas Pontes ou na comarca de Ferrol con aquela cita da película Jerry Magire: “show me the money!! Onde están os cartos señorías do PP?”, ironizou para a continuación reprochar á bancada popular que “son vostedes goberno e falan moito, pero consignan pouco”.
En todo caso, confirmou que o BNG aceptaba a emenda do PP porque “para nós agora prevalece que se poñan a traballar, urxir aos gobernos a que se poñan a traballar e a que colaboren e constrúan esas complicidades necesarias para enfrontar unha crise de enormes proporcións en diferentes aspectos”.
“Imos priorizar un acordo sobre o feito de ser urxente esa colaboración entre gobernos, un acordo sobre a necesidade de condicionar todas as actuacións gobernativas a favor da posta en marcha de proxectos de reactivación e reindustrialización, e un acordo sobre o feito de ser tamén necesaria e urxente unha solución que implique garantías para o 100% do persoal”, explicou Mon Fernández.
O deputado por Ferrolterra pediu a ámbolos dous executivos que se poñan a traballar en proxectos reais, que non sexan contraditorios uns con outros, que non sexan meras repeticións do que fan noutros sitios, “ou que non sexan mera propaganda”, recalcou, porque, segundo concluíu, “con iso non vamos a ningunha parte e, ao final, cando cae o velo e resulta que non hai nada, sempre hai persoas que pagan as consecuencias”.