O alcalde de Vilarmaior recúa na defensa do galego alegando “descoñecemento”: o BNG denuncia a ruptura dun compromiso democrático

Isa Golpe
Isa Golpe
O alcalde de Vilarmaior recúa na defensa do galego alegando “descoñecemento”: o BNG denuncia a ruptura dun compromiso democrático

A voceira municipal do BNG en Vilarmaior, Isa Golpe, denuncia con firmeza a decisión do alcalde, Carlos Vázquez Quintián, de deixar sen efecto a adhesión do concello á Plataforma Cidadá Queremos Galego, un acordo adoptado polo pleno o pasado 2 de xaneiro de 2025.

A xustificación dada polo alcalde para revogar ese acordo resulta tan sorprendente como grave: afirma que descoñecía que a adhesión tiña un custo económico, concretamente unha cota anual de 500 euros. Este argumento evidencia unha absoluta falta de rigor e responsabilidade institucional, impropia de quen ostenta a alcaldía.

É inaceptable que un alcalde tome decisións sen informarse debidamente, e máis grave aínda que rompa un compromiso democrático escudándose na súa propia incompetencia. A veciñanza merece representantes que actúen con seriedade, non con improvisación e desleixo.

A decisión de deixar sen efecto a adhesión a Queremos Galego non é neutra nin menor: supón un paso atrás na defensa da lingua galega e unha mostra do nulo compromiso deste goberno local cos dereitos lingüísticos da cidadanía. A lingua propia non é un gasto, é un dereito e unha responsabilidade institucional.

Desde o BNG esiximos a inmediata rectificación desta medida, que desprestixia ao propio Concello de Vilarmaior e o desmarca da defensa colectiva do galego en Galiza.

O galego non é unha carga: é dignidade, cultura e identidade. E o compromiso co galego non se revoga por ignorancia.

O alcalde de Vilarmaior recúa na defensa do galego alegando “descoñecemento”: o BNG denuncia a ruptura dun compromiso democrático