O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento Galego a crise da Comarca de Ferrol

mon
O deputado do BNG, Mon Fernández

O deputado Mon Fernández trasladará a problemática da comarca de Ferrol ao vindeiro Pleno do Parlamento pola vía de urxencia.

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento Galego a crise da Comarca de Ferrol

O recente anuncio do peche de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas súmase ao peche da central térmica das Pontes, á situación de colapso na ría de Ferrol, e á falta de carga de traballo en Navantia, é dicir, todos aqueles sectores ou empresas dos que depende a comarca económica e socialmente están ameazados de peche ou paralizados sine die.

A RÍA (crónica dunha morte anunciada)

A situación actual da ría de Ferrol é de colapso absoluto, con unha produción de escasamente un 10% da que existía hai tan só dez anos, o que está a provocar a expulsión do sector, pouco a pouco mais ininterrompidamente, das persoas que até o de agora viñan traballando e vivindo del.

O BNG fai fincapé en que todas as persoas do sector e do mundo académico con coñecimento de causa coinciden na necesidade de realizar un estudo da situación da ría, das causas que provocan a caída da produción, e das posíbeis solucións. Mais o común acordo sobre a necesidade de realizar este estudo, incluído un acordo do Parlamento Galego adoptado por unanimidade de todos os grupos a instancias do propio BNG, non parece suficiente para que chegue a concretarse na práctica, nunha parálise gobernativa que significa de facto a morte da ría, e que raia polo tanto no criminal.

A TÉRMICA DAS PONTES (ENDESA manda, mais quen manda en ENDESA?)

O anunciado peche da central térmica das Pontes, despois de esgotar os recursos mineiros da localidade e de transformar radicalmente o territorio, supón un repto económico e social de enormes dimensións para a comarca de Ferrol.

Neste sentido, un informe elaborado polo Concello das Pontes coa participación dunha consultora e un bufete especializados en temas mineiros e industriais, estima "en cálculos globais, conforme a declaracións do ano 2016 da propia Endesa (Jefatura de Servicios Económicos de la UPT), a contribución da central, entre salarios, tributos e compras a provedores, en 38.000.000 €/ano"

O informe abunda tamén na perda de postos de traballo, en termos directos e máis de prexuízo circular ou de arrastre, estimando que a perda estaría nun intervalo de 1.000 a 1.400 postos de traballo.

Desde o BNG chaman a atención no feito de se producir o peche sen alternativa ningunha a día de hoxe, o que desminte os discursos gobernativos da transición enerxética, retratándoa como un desmantelamento puro e duro, con renuncia expresa por parte dos gobernos a empregar os instrumentos normativos e de promoción empresarial á súa disposición. Por exemplo a falta de activación de medidas a través das poxas estatais de renovábeis ou a concesión dos nós de evacuación da enerxía.

NAVANTIA (astanización!!??)

A perda de postos de traballo en Navantia Ferrol, ao redor de 2.000 persoas nos últimos meses, seguirá a aumentar até a próxima entrega do último buque en construción para a armada australiana.

A futura construción das novas fragatas 110 para a armada española, única previsión de traballo, conta con un calendario construtivo moi restritivo en canto ocupación, xa que de inicio está previsto comezar as obras de apenas 1 das 4 fragatas, adiando 2 ou 3 anos a coincidencia no estaleiro de máis de 1 buque en construción de xeito simultáneo, e polo tanto os posíbeis picos de ocupación.

O confinamento dos centros de Navantia na ria de Ferrol ao sector militar ten provocado unha crise xa estrutural na nosa comarca. Malia esta evidencia as directrices gobernativas para a empresa mantéñense na liña de reducir ou renunciar a todas aquelas outras actividades alternativas, léase a construción civil, Turbinas, ou a eólica mariña.

Neste escenario, e cos precedentes históricos, resulta preocupante a falta de investimentos para modernizar as instalacións, tanto en reparacións, como en novas construcións, sendo especialmente relevante a falta de compromisos orzamentarios para a construción do anunciado e necesario dique cuberto.

E resulta, tamén, moi sintomática a falta de interese da Xunta de Galiza en facer parte do Consello de Administración de Navantia, como querendo evitar calquer responsabilidade no futuro da empresa e da comarca.

SIEMENS-GAMESA (deslocalización da produción)

O recentemente coñecido peche da fábrica de SIEMENS-GAMESA no Concello das Somozas, que viña empregando a 300 persoas, e que xeraba unha importante actividade auxiliar no  transporte e no porto de Ferrol, supón outro golpe mortal para a comarca, xusto nun sector, o da industria de compoñentes para a xeración de enerxía eólica, que se nos anunciaba motor da reactivación económica.

Igual que nos casos anteriores, tampouco os comportamento dos diferentes gobernos para evitar esta nova crise industrial está a altura das necesidades. Novamente os partidos políticos españois que sosteñen aos gobernos galego e central se teñen pronunciado en contra das iniciativas presentadas polo BNG para vincular a autorización de novos parques eólicos a que traian asociados proxectos industriais que garantan un aproveitamento dos recursos propios a favor da creación de riqueza e do emprego na Galiza. 

HAI ALGUÉN AÍ??

A Xunta de Feijoo goberna ao ditado do seu comité de expertos, auténtico eufemismo dos lobis empresariais actuantes na Galiza, aínda que moitos deles teñen os seus centros de dirección e de decisión moi lonxe.

É o servilismo para con estes lobis o que está a producir sensación de abandono a boa parte da sociedade galega, cada vez máis consciente dos problemas que está vivir, mais completamente allea a calquer proposta de solución ou de reacción.

Como se explica que coa que está caendo medre a impresión de non termos goberno? Fácil, habelo haino, pero non goberna para nós.

O BNG levará ao Parlamento a reivindicación da sociedade comarcal que con dignidade non se resigna a desaparecer, e defenderá propostas concretas para unha saída galega e social da crise.

O BNG levará ao vindeiro Pleno do Parlamento Galego a crise da Comarca de Ferrol