A Xunta segue sen asumir compromiso para actuar no Mosteiro de Monfero

Mon Fernández
Mon Fernández

A D. Xeral de Turismo non respondeu a ningunha das preguntas formuladas polo BNG

A Xunta segue sen asumir compromiso para actuar no Mosteiro de Monfero

Nunha comparecencia que fora solicitada polo deputado do BNG, Mon Fernández, compareceu hoxe a D. Xeral de Turismo (curioso, xa que o normal seria a D. Xeral de Patrimonio Cultural) para respostar a unha batería de preguntas formuladas ao respecto da situación do Mosteiro de Monfero e, máis específicamente, das previsións de actuacións da Xunta para impedir o constante deterioro das instalacións; que forman parte do catálogo de Bens de Interese Cultural.

Precisamente, sobre esta cuestión, Mon Fernández afirmou que “non é de recibo que existindo unha cesión de usos por parte do Arcebispado de Santiago a favor da Xunta, atopemos o penoso estado actual, de abandono total, do que  apenas se salva a igrexa (que excluída desa cesión), que mantén un certo grao de conservación suficiente para realizar o culto. En todo caso, hai 20 anos que existe esa cesión de usos á Xunta, vostede leva no cargo case 10. Explíquenos, por favor, como pode ser posíbel  este nivel de abandono”

Continuando coa argumentación, o deputado nacionalista engadíu “a ninguén se lle escapa que unha rehabilitación integral do mosteiro sería costosísima e que a situación actual, esa cesión de usos, pois non a situación legal ideal para asumir un investimento dese calado. Pero entre 0 e 100 seguro que hai algún punto intermedio que signifique, polo menos, telo libre de maleza, telo limpo, que se poidan visitar os claustros, asegurar as zonas ou os elementos que poidan ser perigosos polo seu estado, algo que permita unha apertura con un réxime de visitas.... o mínimo que permita dalo a coñecer, difundir e divulgar, e promocionalo como o recurso turístico de primeiro nivel que en realidade é, sen que teñamos que pasar vergoña allea...”

Mon Fernández apostillou que “aínda que non é da súa competencia directa, mais non podo deixar de mencionar que igual que o Mosteiro leva en mans da Xunta 20 anos sen que se faga nada, o Parque natural das fragas do Eume leva 25 anos agardando por que se aprobe o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX). É incríbel o trato que a Xunta de Galiza da a dúas das xoias máis impresionantes do patrimonio natural e do patrimonio histórico artístico do noso país. E non podo deixar de mencionalo, porque aínda que non sexa da competencia do seu departamento vostede é unha alto cargo da Xunta desde hai 10 anos, e sobre todo porque o Parque das Fragas do Eume ocupa o máis do 60% do territorio do concello de Monfero”

Á vista da falta de resposta a nengunha das preguntas prantexadas, dirixiuse á D. Xeral de Turismo afirmando que “en troques de boas palabras sobre defender o rural, estaría mellor darlle ao rural, darlle a Monfero o mesmo trato que se lle daría se fose unha cidade. Porque a ninguén se lle pasa pola cabeza que no concello da Coruña, no Concello de Vigo, ou no de Santiago, por non falar xa do de Pontevedra, tivesen xoias como o Parque das Fragas do Eume ou como o Mosteiro absolutamente abandonados.”

Rematou o deputado nacionalista deixando a seguinte pregunta :”o mosteiro de Monfero leva 20 anos agardando pola rehabilitación, o Parque Natural das Fragas leva 25 anos agardando polo PRUX, tendo en conta que estamos no ano 2022, parece que no Concello de Monfero aínda están agardando ao que chegue o século XXIPara cando o PRUX das Fragas?, para cando un proxecto serio e con orzamento para o parque das Fragas, para cando un proxecto para o Mosteiro? Vostede mesma, que falou do bipartito, dixo que daquela houbo un proxecto con un orzamento de 1,8 millóns de euros que se paralizou polas circunstancias... levan vostedes gobernando 13 anos, onde está o seu proxecto e o seu orzamento?”

A Xunta segue sen asumir compromiso para actuar no Mosteiro de Monfero