Pontón advirte que pese ás medidas do Goberno os prezos da luz e carburantes continúan a ser insoportables para a maioría social
Insiste en reclamar unha intervención do mercado enerxético para fixar prezos máximos, subir os impostos ás eléctricas e na tarifa eléctrica galega
A baixada de 20 céntimos foi seguida de subidas en centos de estacións de servizo o que só contribúe a aumentar os beneficios das multinacionais
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un almorzo no Club de prensa de Ferrol para insistir en que a solución á escalada inflacionista é a intervención pública da enerxía, fixar prezos máximos de luz, gas e carburantes e, en Galiza, poñer en marcha a tarifa eléctrica galega. E advirte que as medidas adoptadas polo Goberno central non van impedir que os prezos sigan en niveis insoportables para a maioría social e lastrando a economía.
“Levamos meses soportando un prezo do MW/h que é un escándalo e mesmo podemos dicir que é unha estafa legalizada, cun incremento do 450% no último ano, unha situación agravada pola invasión de Ucraína pero, non nos enganemos, a escalada de prezos da enerxía xa estaba aí”, indicou a líder do BNG, insistindo e que son urxentes “medidas estruturais e non conxunturais”, como as aprobadas polo Goberno de PSOE-Podemos.
A modo de exemplo, Pontón aludiu á rebaixa de 20 céntimos prevista nos carburantes, “que é necesaria pero aínda así a gasolina quedará arredor de 1,80 € litro, un prezo que sigue sendo desorbitado, e hai que engadir que nada máis anunciar esta axuda, houbo estacións de servizo que subiron o prezo dos carburantes 30 céntimos”, polo tanto, “para resolver esta espiral inflacionista ten que haber unha intervención pública no mercado da enerxía e o resto son medidas que seguen engordando os beneficios astronómicos das multinacionais do sector”, alegou.
Pontón puxo o acento no feito de que as medidas non supoñen unha baixada do prezo de bens básicos senón que sufragan os custes con cargo ó peto da cidadanía a través de impostos. Por iso, insiste, “a solución ten que vir por medidas estruturais que partan dunha idea clara: a enerxía é un ben básico e, como tal, debe ser controlado desde o público”.
Nesa dirección, as propostas do BNG: Fixar prezos máximos para a electricidade, gas e carburantes; acabar cos chamados beneficios caídos do ceo e subir os impostos ás eléctricas para que paguen parte dunha crise coa que se están lucrando. Igualmente, crear unha empresa pública de enerxía en Galiza, como xa existe en moitos países europeos, que recolla todas as centrais hidroeléctricas segundo van caducando. Tamén, a tarifa eléctrica galega para que o País se beneficie da súa riqueza eléctrica.
Pontón recriminou a ausencia de Feixóo e a falta de medidas concretas por parte do Goberno do PP mais aló da propaganda, de botar balóns fora e de limitarse a pedir unha redución de impostos. “Todas sabemos o que representa esta vella receita para o PP: baixarlle impostos os que máis teñen para seguir desmantelando o público en beneficio do privado”, alertou, poñendo como exemplo as rebaixas fiscais recollidas nos orzamentos de 2022.
Así, a redución de impostos de Feixóo para unha base liquidable no IRPF de 20.000 € é de 20 € ano; pero se a contía é de 60.000 €, unha minoría, a baixada no IRPF é de 500 €. Estou segura que a maioría prefire pagar eses 20 euros na declaración da renda pero ter uns bos servizos públicos”, indicou Pontón, tras apuntar que detrás desta proposta do PP escóndese a intención de seguir coa redución o público, mentres nada se di de subirlle os impostos ás eléctricas.
No acto en Ferrol, unha cidade que sabe moito de crises, indicou, a líder do Bloque tamén deixou sobre a mesa medidas para esta comarca, “farta de promesas incumpridas”, que lle permitan recuperar o pulso industrial, económico e social. Neste sentido, defendeu unha modernización do sector naval vinculada a un proceso de recuperación de actividade que pasa pola construción naval civil.
Tamén para a comarca, o BNG defende un proxecto industrial vinculado ao sector enerxético coa creación dun centro de I+D+I para a xestión e almacenamento de enerxía, un dos temas máis relevantes para a transición enerxética e cambiar o papel que xogou Galiza de provedor de enerxía, a provedor de tecnoloxía. En materia de infraestruturas, a modernización das conexións ferroviarias con Coruña, a recuperación integral da Ría e a posta en marcha dun plan de usos para as Fragas do Eume, que converta esta riqueza natural nun motor de desenvolvemento económico e social.