Miguel Tellado agora é “ocultista”!!

O deputado Mon Fernández
Mon Fernández
Miguel Tellado agora é “ocultista”!!

Ás veces.... ve cousas. Viu “erros malintencionados” na moción do BNG cando o que hai son críticas explícitas. Claro que a Xunta e o PP son responsábeis da crise da comarca, por acción e por omisión. Que clase de goberno dedícase simplemente a botarlle a culpa aos demais? Acaso non é o Parlamento Galego onde a Xunta debe dar explicacións do que fai ou deixa de facer?

Eles son o partido do goberno, pero no seu discurso hai de todo menos o que debería haber: solucións!!!. Minte sobre o que defende o BNG para “ocultar” que o seu modelo enerxético, e o seu modelo de empresa para Navantia, é o que provoca que nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal perdamos 4 veces máis poboación que no resto de Galiza, 4 veces máis!!!

Defender a construción civil en Navantia non é criticar a militar. Nas nosas iniciativas sempre insistimos en que o camiño para esa recuperación é ofrecer produtos tecnoloxicamente avanzados a partir da constitución dun centro tecnolóxico para o sector naval, de aproveitar as sinerxías coa construción militar, e de aproveitar tamén as tremendas posibilidades da fábrica de Turbinas no novo contexto que abre a descarbonización da mobilidade marítima (por que non introducila no mundo da tecnoloxía do hidróxeno?). Defender que Navantia faga plataformas para eólica mariña fl otante en Fene,  cando existe agora mesmo a intención de desviar eses contratos a Cádiz non é criticar a UTE Navantia-Windar.

Igual que defender a constitución dun centro de I+D+i para o almacenamento de enerxía nas Pontes, e que Endesa, a Xunta e o Estado teñan que comprometer investimentos na reactivación e reindustrialización da vila non é estar en contra do proxecto dos biocombustibeis na central. É preocuparse pola posibilidade (moi probable) de que ese proxecto non sexa máis que unha solución parcial no mellor dos casos, e insuficiente para a reactivación económica da vila. É querer un salto cualitativo para As Pontes, pasar de ser produtores de enerxía a ser tamén provedores de tecnoloxía. 

E sobre todo, é non asumir pacificamente que Endesa, unha empresa que gañou 1.400 millóns de euros no pandémico 2020, e que durante estes 60 anos modificou social e fisicamente o Concello, poda marchar da vila sen comprometer un peso para os proxectos que se poñan en marcha.

E finalmente, dicir que a Consellaría do Mar é a principal responsábel da situación da ría non é “que nos pareza pouco o que fai a Xunta”. Parécenos que con unha redución da produción dun 90% a titular do departamento con competencias exclusivas en marisqueo estaría cesada en calquer país do mundo. Por non entrar a falar do sistema de saneamento e dos custes que estamos a soportar, sobre todo, os veciños e veciñas dos Concellos de Ferrol e Narón.

En todo caso, o que debería facer Miguel Tellado, Secretario Xeral do partido que goberna Galiza, é explicarnos a todos e todas cales son os proxectos ou propostas que ten o “noso goberno” para solucionar a situación das Comarcas. Porque diso non sabemos nada. Igual que tampouco explica por que votou en contra da moción do BNG, que basicamente consistia nas propostas que veño de expor. Outro xénero de ocultismo. Díganos Sr. Tellado:

Por que o PP votou en contra de recuperar e diversificar actividades en Navantia ría de Ferrol?
Por que o PP votou en contra de que garantir fondos da Xunta, do Estado e de Endesa para reindustrializar As Pontes?
Por que o PP votou en contra de rexenerar a ría de Ferrol?

Ramón Fernández Alfonzo
Deputado do BNG e portavoz de Industria
 

Miguel Tellado agora é “ocultista”!!