O goberno do PP de Vilarmaior vota en contra da adhesión a comunidade enerxética de Vilarmaior
O BNG levou unha moción ao pleno ordinario, coa proposta de que o concello de Vilarmaior se adhira á Comunidade Enerxética de Vilarmaior. Nesta moción dáse conta de cando nace a comunidade, en que consiste e cal é a súa principal finalidade, isto é, abaratar custes na factura da luz. Ademais, as administracións locais, con recursos limitados, teñen que facer fronte aos gastos dos servizos de subministración enerxética á veciñanza, e por iso a redución do gasto da factura eléctrica sería posible entrando na comunidade enerxética.
Por outra banda, o Concello de Vilarmaior asinou o “Pacto dos Alcades para o Clima e a Enerxía”, un acordo no que se comprometen a “fortalecer a súa capacidade de adaptación aos impactos ineludibles do cambio climático e lograr que os seus cidadáns teñan acceso a unha enerxía segura, sostible e asequible”, “un compromiso voluntario que parece que o goberno do PP de Vilarmaior non está por cumprir, xa que votou en contra da moción proposta polo BNG” explicou a portavoz do BNG de Vilarmaior, Isabel Golpe.
“A comunidade enerxética é un proxecto pioneiro no noso concello, e innovador, creado por veciñas e veciños, e non pode ser que o alcalde e o seu goberno lles neguen o seu apoio e a cesión do dereito para instalar as placas solares en edificios públicos que dependen do concello”, engadiu a voceira nacionalista. “Trátase dun proxecto que vai na liña de facer o noso concello máis sostíbel desde o punto de vista ambiental, cun beneficio evidente para a nosa veciñanza e a propia administración local, e parécenos lamentábel o desinterese por parte do goberno local neste tema”, concluíu.