Campaña do BNG para a mellora da xestión dos montes públicos da Capelada
O BNG de Cedeira e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, demandan a constitución dunha mesa a tres bandas, Xunta, Concello e persoas con explotacións gandeiras nos montes públicos situados no termo municipal
O BNG xa se interesou pola xestión destes montes públicos a través dunha pregunta parlamentar que foi contestada polo Director xeral de Planificación e ordenación forestal da Xunta de Galiza.
O BNG trasladaba a través daquela pregunta as queixas das persoas que explotan estes montes, falta de atención por parte da Xunta na conservación das pistas forestais e na limpeza do monte, falta de transparencia e de participación democrática, e recorte de servizos na oficina agraria da vila de Cedeira.
Segundo o deputado do BNG; Mon Fernández "as respostas do Director xeral non só non solucionaron as dúbidas do colectivo senón que contradín a información comunicada polo alcalde do Concello creando máis confusión e malestar, xa que desde ambas institucións sinálanse mutuamente como responsábeis do reparto das áreas para a explotación gandeira, e descargando a responsabilidade da limpeza do monte nos propios gandeiros"
É por isto que tanto desde o BNG local como desde o Grupo parlamentario, a través do deputado Mon Fernández, veñen de rexistrar unha Moción e unha Proposición non de lei, demandando do Concello e da Xunta respectivamente, a constitución dunha mesa de diálogo entre Concello, Xunta e as persoas con explotacións gandeiras nos montes públicos para , segundo afirma o deputado nacionalista "aclarar a situación e valorar entre todas as partes interesadas diferentes posibilidades para mellorar e ampliar a superficie dedicada ao pastoreo, as condicións de traballo e recuperar os servizos da oficina agraria da vila"
Mon Fernández reiterou que "desde o BNG queremos manifestar a necesidade de que ambas administracións se preocupen de tirar o maior rendimento posíbel duns montes que poden e deben ser unha fonte de riqueza para todo o Concello, xa que pola experiencia, pola calidade da terra, dos pastos e da carne que neses montes se crían, e polo potencial dunha marca que comercialice a produción dos montes da Capelada, debería ser unha prioridade tanto para a Xunta como xestora dos montes, como para o Concello, que é a administración propietaria de varios deses montes"